O PP de Melide esixe "celeridade e transparencia" nas obras do Cantón de San Roque
- ecosdacomarca

- 13 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Sinala que lles está provocando un "grave prexuízo aos comerciantes e hostaleiros"
Ecos da Comarca/Melide
O Partido Popular de Melide vén de denunciar publicamente "a mala xestión do goberno local —integrado polo BNG e PSdG baixo a presidencia de Pérez— na obra que se está a executar no Cantón de San Roque, no centro comercial e hostaleiro da vila. A apertura dunha zanxa, que permanece aberta desde hai máis de 15 días sen data coñecida de
finalización, está a causar serios problemas aos empresarios da zona".

O PP critica con dureza que "o tripartito non informou en ningún momento aos comerciantes afectados nin explicou a duración prevista da intervención, nin as medidas adoptadas para garantir o paso dos viandantes". “En plena tempada estival, con gastos elevados e expectativas de vendas, os comerciantes vense sorprendidos cada mañá coa beirarrúa levantada e sen ningunha comunicación oficial”, sinalan desde a formación popular.
Desde o PP de Melide subliñan que "a nefasta xestión de Pérez e o seu equipo está a ter consecuencias directas no peto dos pequenos empresarios e autónomos que apostaron por emprender na vila. Esta situación prolongada impide aos comerciantes organizarse e adaptar os seus negocios á incidencia, especialmente nestas datas nas que se inicia a precampaña de descontos previa ás rebaixas”, destacan.
Publicidade
A formación popular lembra ademais que hoxe, venres, está prevista a celebración do Día do Comercio en Melide, unha data de especial relevancia para o sector, que chega nun contexto de obras sen solución nin previsión de finalización, o que agrava aínda máis o prexuízo económico e a mala imaxe que se traslada aos clientes.
O PP de Melide esixe ao goberno local celeridade na finalización da obra, a máxima transparencia na información aos afectados, e un mínimo respecto polos comerciantes e hostaleiros da vila, “que non poden seguir asumindo as consecuencias da improvisación e a falta de planificación do executivo de Pérez”.







Comentarios