O PP de Melide denuncia "o trato desigual do goberno cos comercios e o incumprimento da ordenanza no cobro de taxas do mercado dominical"
- ecosdacomarca

- 10 ago 2025
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide denuncia "o incumprimento da ordenanza municipal por parte do tripartito (Adiante Melide, BNG e PSOE) ao non aplicar correctamente o cobro das taxas aos postos instalados no mercado dominical". Segundo datos facilitados polo propio goberno local, "a recadación en 2023 foi de 0 euros e en 2024 apenas de 202,90 euros, cifras que evidencian a falta de control e que supoñen un trato totalmente desigual cos comercios e negocios de Melide, que si pagan puntualmente os seus impostos mentres ven como cada domingo diminúe a afluencia de clientes pola falta de impulso do mercado".

Publicidade
O PP lembra que presentou recentemente unha moción "para recuperar e reactivar o histórico mercado dominical e a feira grande da vila, propoñendo a súa reubicación no centro urbano —como era tradicional— para frear a perda de postos e visitantes". A moción incluía tamén campañas de promoción dos produtos locais e a creación dunha comisión con representantes políticos, feirantes, comerciantes e hostaleiros para elaborar un plan de acción consensuado. "Porén, o tripartito vetou a súa simple defensa pública, negando un debate que afecta directamente á vida económica de Melide".
Publicidade
"Desde o Partido Popular abrimos de novo a porta ao goberno municipal para sentarnos, analizar a situación e poñer en marcha solucións reais que permitan ter un mercado dominical ordenado, regulado e atractivo, que volva ser motor económico e social da vila".








Comentarios