Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide vén de recibir á veciñanza de Santalla debido á preocupación que se rexistra entre a mesma ao levar máis de dous meses pendentes da resolución dunha avaría na canalización dun servizo básico que debe ser prestado polo Concello de Melide, a auga, tal e como sinalan os populares.

“Se o alcalde e o tenente alcalde mellor pagado de Galicia e o seu goberno son incapaces de prestar servizos básicos recoñecidos pola lei é mellor que vaian para as súas casas e deixen de prexudicar a Melide e as súas xentes”, sinala a portavoz popular, Dalia García, quen insta ademais a que “as autoridades municipais deñan a cara ao acusar ao PP de obstaculizar a canalización dun ben básico para tapar a súa incompetencia”.
Así mesmo, recalca que "esta traída foi sufragada con fondos veciñais na década dos 70; segundo puidemos averiguar os veciños levan agardando máis de dous meses a que se arranxe a situación xa que non é admisible nin humano que alguén poida sobrevivir grazas á solidariedade veciñal enchufando mangueiras de auga dunha billa a outra e o alcalde e o seu equipo sigan durmindo tranquilos”, sinalan dende a formación popular.
Polo tanto, o PP reclama que se restableza de maneira inmediata o servizo de auga en Santalla. "É un servizo de carácter municipal que o Concello debe prestarlle aos inmobles que hai construídos e que son legais. Nin Augas de Galicia se ten que manifestar ao respecto nin hai ningún permiso sectorial que xestionar: o único que está facendo o alcalde J.M. Pérez e o seu socio necesario é gañar tempo porque vén un interese electoralista na parroquia ao culpabilizar ao PP dunha suposta denuncia cando o PP nunca se manifestou sobre deste asunto, é máis, o goberno municipal AM-PSOE é neste momento quen debe e está obrigado a prestar o servizo de auga, así como outros básicos de carácter municipal, que de non facerse si pode ser motivo de denuncia”, destacan dende a formación popular.
Por todo isto, subliña que "a veciñanza de Santalla non pode agardar nin un minuto máis: a auga é un ben básico municipal que o Concello debe proveer e é o único competente". O PP insta a que na próxima semana sexa restablecido o servizo, de non facerse, xa que a obra xa está executada, e se atopa simplemente pechado o paso da auga, tomará as medidas que a legalidade vixente lle outorga.
Comments