O PP de Cruces propón crear un Servizo Municipal de Apoio ao Emprendemento e ás Empresas
A iniciativa busca facilitar a creación de novos negocios e ofrecer asesoramento aos autónomos, comercios, empresas e actividades agrarias e artesanais do municipio.
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces propon a creación dun Servizo Municipal de Apoio ao Emprendemento e ás Empresas, co obxectivo de impulsar a economía local e ofrecer un punto de atención próximo tanto a quen queira iniciar unha actividade como a quen xa ten un negocio en funcionamento.

Este servizo, explica, permitiría informar sobre subvencións e axudas públicas, orientar
na tramitación administrativa e no acceso ao financiamento, así como acompañar os emprendedores e apoiar a modernización, ampliación e consolidación das empresas existentes.
"Cómpre lembrar que Vila de Cruces se adheriu en 2018 á iniciativa Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia, durante a etapa de goberno municipal do Partido Popular, asumindo compromisos para favorecer a actividade empresarial, simplificar trámites e facilitar a implantación de novas iniciativas económicas", salientan os populares.
PUBLICIDADE
Porén, apuntan, "oito anos despois, seguimos sen contar cun servizo municipal específico
de asesoramento e acompañamento empresarial. Consideramos que é o momento de dar un paso máis e traducir aquel compromiso en medidas concretas que respondan ás necesidades de emprendedores, autónomos, comerciantes, agricultores, artesáns e empresas do noso concello".
Ante todo isto, propón a posta en marcha deste servizo municipal, aproveitando prioritariamente os recursos existentes e promovendo a colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e outras entidades especializadas. "A súa organización, os medios necesarios e a modalidade de atención concretaranse tras avaliar os recursos dispoñibles, evitando duplicidades e gastos innecesarios".
PUBLICIDADE
E engade que nun municipio rural como Vila de Cruces, "facilitar a actividade económica é
fundamental para favorecer o emprego, manter vivos os negocios e xerar oportunidades que contribúan a fixar poboación. Queremos un Concello que non se limite a facilitar trámites, senón que acompañe a quen emprende, apoie a quen xa está traballando e contribúa activamente ao desenvolvemento económico de Vila de Cruces".









Comentarios