top of page

Silleda consegue unha subvención de 500.000 euros da Xunta para a construción da piscina climatizada

hace 8 minutos
4 min de lectura

O goberno municipal iniciará contactos cos grupos da oposición para procurar un acordo que permita avanzar no financiamento e na execución dunha das infraestruturas máis demandadas pola veciñanza


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de recibir a resolución favorable da Xunta de Galicia pola que se concede unha subvención de 500.000 euros para a construción do complexo deportivo con piscina climatizada. A achega, comunicada mediante resolución do pasado 12 de outubro, supón un avance importante para facer realidade unha infraestrutura que permitirá ampliar os servizos deportivos, educativos e de promoción da saúde no municipio.


O Concello de Silleda non figuraba entre os beneficiarios do reparto inicial das axudas realizado pola Xunta de Galicia no mes de agosto. Porén, a renuncia dun dos concellos inicialmente beneficiarios permitiu incorporar a solicitude de Silleda, que ocupaba o primeiro posto entre as entidades que quedaran fóra da concesión inicial, de acordo coa puntuación obtida no proceso de valoración. Tras a confirmación desta axuda, o goberno municipal inicia contactos cos grupos políticos da oposición co obxectivo de procurar un acordo que permita sacar adiante o proxecto e o seu financiamento.

Plano do anteproxecto da piscina climatizada.
Plano do anteproxecto da piscina climatizada.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, considera que a concesión da subvención abre unha nova etapa na tramitación da actuación e confía en que sexa posible alcanzar un entendemento entre as distintas formacións políticas. "Estamos diante dunha infraestrutura que Silleda necesita desde hai moitos anos e que vai prestar servizo a persoas de todas as idades. Queremos que sexa un proxecto compartido, porque estamos falando dun investimento importante e dunha instalación que vai formar parte do futuro do noso

concello durante décadas", sinala a rexedora.


Un investimento estimado de 3,67 millóns de euros

A documentación técnica elaborada ata o momento sitúa o investimento global necesario en 3.674.838,03 euros, IVE incluído. Desta cantidade, 3.416.450,98 euros corresponden á execución das obras, mentres que o importe restante se destinaría á redacción do proxecto, á asistencia técnica durante a construción e aos servizos de dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde.


A achega autonómica permitirá financiar unha parte do investimento, aproximadamente o 14%. Para cubrir a cantidade restante, o Concello prevé tramitar unha operación de crédito a longo prazo por importe de 3.175.000 euros, que deberá someterse aos correspondentes procedementos administrativos e acordos municipais. Esta operación xa foi estudada polos técnicos, que conclúen que a entidade local está en disposición de poder afrontar o crédito.


Precisamente, esta fórmula de financiamento será unha das cuestións que o goberno local trasladará aos grupos da oposición nas reunións que prevé iniciar nos próximos días. “É unha das opcións recollidas nos estudos de alternativas elaborados para analizar a viabilidade económica do complexo deportivo” di a a alcaldesa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Segundo a valoración dos técnicos municipais, trátase da alternativa máis vantaxosa para as arcas municipais, malia o importante esforzo económico que suporá para o Concello.

Esta opción permitiría, ademais, manter a titularidade pública da instalación e abordar posteriormente a fórmula de xestión do servizo, incluída a posibilidade dunha concesión, conforme aos estudos realizados e aos procedementos legalmente establecidos


"Somos conscientes da importancia económica desta actuación e por iso queremos explicar con transparencia os seus custos, o financiamento previsto e os pasos que temos por diante. A nosa intención é escoitar as achegas dos distintos grupos e traballar para conseguir un acordo que faga posible a construción da piscina», explica Fernández Pena.


Un equipamento para o deporte, a educación e a saúde

O futuro complexo permitirá cubrir unha carencia histórica de Silleda, que actualmente non dispón dunha piscina climatizada municipal. Esta situación obriga a numerosas familias a desprazarse a outras localidades para practicar natación ou participar en actividades acuáticas ao longo do ano.


A nova instalación abrirá a posibilidade de organizar cursos de natación infantil e adulta, programas de aprendizaxe e perfeccionamento, actividades acuáticas adaptadas e propostas de exercicio físico dirixidas especialmente ás persoas maiores. Tamén permitirá desenvolver programas de natación escolar en colaboración cos centros educativos, así como reforzar as iniciativas municipais de promoción da actividade física e dos hábitos saudables.


A demanda deste equipamento quedou reflectida nun estudo de viabilidade realizado en 2025, que incluíu 350 enquisas válidas. Nelas, o 80 % das persoas participantes manifestaron a súa disposición a abonarse á futura piscina. "Non estamos falando unicamente dunha instalación deportiva. Falamos de que os nosos nenos e nenas poidan aprender a nadar sen ter que saír do municipio, de ofrecer novas actividades ás persoas maiores e de facilitar o acceso ao exercicio físico a persoas que o precisan por motivos de saúde. É un servizo que pode mellorar a vida cotiá de moitas familias", destaca a alcaldesa.


O prazo de execución, un dos condicionantes

A resolución da axuda autonómica establece o 15 de novembro de 2027 como data límite para executar, recibir e xustificar o investimento subvencionado. Esta circunstancia fai necesario avanzar na tramitación administrativa e contractual de xeito urxente, polo que o Concello está a preparar a documentación necesaria para promover a contratación conxunta da redacción do proxecto e da execución das obras, unha modalidade prevista na lexislación de contratos públicos para supostos excepcionais debidamente xustificados.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

“Temos que ter en conta, que dado que inicialmente a subvencións solicitada á Xunta non foi concedida, levamos xa dous meses de retraso respecto ao outros concellos beneficiarios”, sinala Fernández Pena.


A actuación conta xa cun anteproxecto e con estudos técnicos e económicos que servirán de base para a preparación da licitación. O goberno municipal subliña que a concesión da subvención non supón aínda a aprobación definitiva do investimento nin a contratación das obras, xa que será necesario completar os trámites de financiamento e contratación legalmente esixidos.


Vontade de diálogo e consenso

A alcaldesa insiste en que a prioridade inmediata será explorar as posibilidades dun acordo. «A piscina non é un proxecto dun goberno nin dunha formación política. É unha infraestrutura para Silleda e para as súas 33 parroquias. Temos unha oportunidade importante coa concesión desta subvención e queremos traballar para aproveitala desde o diálogo e a responsabilidade", conclúe Fernández Pena.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page