"Propostas que constitúen certezas, xestión, realidades e sentidiño e as cales se poden levar a cabo tranquilamente se se deixa de regalar máis de 113.000 euros aos diferentes asesores e ás súas sociedades", recalca
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O grupo municipal do Partido Popular de Vila de Cruces, a través do seu portavoz,
Jesús Otero, acusou fai un días ao goberno actual "dun gasto desmedido que estaba a facer dos fondos públicos de todos os veciños do municipio". "Este gasto, ademais, tal e como detallamos, superior aos 113.000 euros, efectuouse en pagos a asesores e a empresas relacionadas con estes, sen que dende o concello, nun momento de especial dificultade se puxeran en marcha propostas e accións encamiñadas a apoiar o comercio local de proximidade", consideran os populares. "Entendemos, e así o propoñemos, que estes fondos públicos que se están a gastar sen ningunha obxectividade, poden ter un impacto importante e positivo no municipio se se fai un uso axeitado dos mesmos. Así, instamos ao goberno local a que deixe de facer frivolidades co diñeiro público e atenda a actualidade social e económica dos veciños".
Deste xeito, o primeiro que propoñen e solicita o PP, "é a de apoiar de forma real e decidida ao comercio local e aos autónomos. Vimos duns anos durísimos nos que logo dos efectos da Covid-19 tivemos e temos que lidiar cunha mala xestión de gobernos que está a levar por diante a centos de autónomos cada día. A maiores, en Vila de Cruces, temos que contar coas recentes obras da Rúa Vázquez, as cales están a mermar a afluenciade clientes aos diferentes negocios desta céntrica rúa e, polo tanto, repercutindo negativamente na economía dos nosos comerciantes e autónomos".
Catro campañas
Polo tanto, propón e insta ao Concello, "a que de forma urxente mobilice outros 24.000 euros para a realización de catro campañas para apoiar e promover o comercio de proximidade no noso municipio. Estas campañas serán trimestrais coincidindo unha co inicio do ano, outra coa primaveira, outra co verán e a última co tempo de Nadal, destinando a cada unha delas 6.000 euros.
Se o comercio o está a pasar mal, sinala, a hostalería "non o está a pasar moito mellor pois é un sector que, ademais de sufrir os efectos da Covid-19, está a sufrir a crise enerxética vendo como os custos de electricidade se lle multiplicaron por catro ou máis. Deste xeito, propoñemos que se adiquen como mínimo 18.000 euros do gasto improdutivo en asesores a unhas campañas propias para este sector para estimular o consumo do produto local como pode ser o Galo de Corral de Vila de Cruces".
Outra das actuacións necesarias, subliña, " é que o actual equipo destine 2.000 euros para as festas patronais de cada parroquia a fin de axudar a reactivar a actividade cultural de todas elas. Nestes difíciles momentos é moi complicado poder facer unhas festas polo que esta axuda pode supoñer, por exemplo, a contratación dunha das bandas de música ou dun grupo de música tradicional do concello, dinamizando así as asociacións culturais. Esta actuación é moi importante, xa que como todos sabemos, cando hai festas, reactivanse tamén outros negocios como os supermercados, as carnicerías, as perruquerías, etc. Esta actuación tería un custo total duns 54.000 euros, que están mellor invertidos dinamizando as parroquias que no bolsillo do “asesor multisector”, pois tanto fai cestos como organiza cursos de terapia musical ou presta servicios prensa", acusan os populares.
"Xenera turismo"
Outro dos puntos a apoiar, "pois xenera turismo e afluencia de público doutros municipios, son os tradicionais Entroidos do Ulla que se celebran no noso municipio, destacando os de Piloño, Salgueiros e Merza. Propoñemos unha axuda de 2.000 euros para cada unha das asociación que organizan esta ancestral celebración, chegando así a unha axuda total de 6.000".
Por último, unha proposta que entenden que inflúe na economía xeral do concello, "é a de apoiar e fortalecer as tradicionais Feiras dos días 4 e 17 de cada mes. As feiras, ademais dun movemento social e cultural, representan un auténtico pulo económico para o comercio local. Estas “celebracións”, nos últimos tempos, tenden a perder importancia dado que a sociedade e as súas necesidades están a mudar".
"Feira Bus"
Así, dende o Partido Popular, entenden "que a baixa afluencia ás feiras ten que ver co
avellentamento da poboación e cos compromisos laborais e formativos dos máis novos
provocando que moitos veciños e veciñas, non teñan quen os achegue ata Vila de
Cruces, sobre todo cando as feiras coinciden en días laborais, polo que instamos ao
equipo de goberno que invirta os restantes 11.000 euros no servizo “Feira Bus”, creando
unha rede de transporte público municipal que os días de feira, preste servizo de ida e
volta a todas as parroquias do concello para que todos os veciños poidan achegarse sen
problema a mercar aquí sen necesidade de depender da dispoñibilidade laboral de fillos
e netos. Este servizo, pode ampliarse aos taxistas do municipio", subliña.
Desta maneira, o PP presenta cinco propostas: comercio, hostalería, festas patronais, Entroido e promoción das Feiras, "propostas que constitúen certezas, xestión, realidades e sentidiño e as cales se poden levar a cabo tranquilamente se se deixa de regalar máis de 113.000 euros aos diferentes asesores e ás súas sociedades".
Comments