top of page

O PP de Cruces ofrece diálogo e colaboración ao goberno para acordar os proxectos do municipio

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Partido Popular de Vila de Cruces manifesta a súa preocupación "pola falta de iniciativas e planificación do actual goberno municipal, que volveu amosar a súa improvisación e ausencia de proxecto de futuro no último Plan Extra presentado. Neste último Plan Extra o Concello presentara a solicitude no último día de prazo, coincidindo precisamente co día en que se recibiu o proxecto técnico que o definía, e sen consensuar nin cos veciños nin coa oposición, o que evidencia unha clara falta de ideas, de previsión, de xestión planificada e, por suposto, de diálogo".

Ante esta situación, desde o Partido Popular sinalan que "reafirmamos a nosa vontade de propoñer alternativas serias, realistas e participadas para que o Concello poida aproveitar o Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra 2025 da Deputación de Pontevedra. Consideramos fundamental sacar rendemento a un programa provincial deseñado para apoiar investimentos transformadores e estratéxicos, que Vila de Cruces non pode desaproveitar por inacción ou falta de proxectos. Queremos tamén poñer en valor a política de cooperación municipal que vén desenvolvendo a Deputación de Pontevedra nos últimos anos, cun compromiso constante co financiamento dos concellos e co impulso de proxectos que melloran o día a día da veciñanza. Grazas a estes programas provinciais

—como o Plan +Provincia e o Plan Extra—, moitos concellos teñen podido executar obras e servizos que doutro xeito serían imposibles, e é responsabilidade dos gobernos locais planificar con tempo e con criterio para aproveitar esas oportunidades".


Desde o Partido Popular propoñen actuacións prioritarias, "centradas en mellorar a accesibilidade, a seguridade e a calidade de vida da nosa xente: a humanización da rúa Manuel Iglesias e a humanización da rúa do Cine nas Cruces ou a humanización dos núcleos urbanos de Gres e Merza. Trátase de proxectos que permitirían recuperar espazos públicos deteriorados, modernizar servizos básicos e avanzar cara a un modelo de concello máis amable, sostible e equilibrado, que dea resposta ás necesidades reais tanto destes núcleos como do resto das parroquias".


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Nos últimos anos, apunta, os fondos do Plan Extra "destináronse principalmente a obras de humanización no centro de Vila de Cruces. Por iso, entendemos que estas dúas actuacións deben servir para completar esa etapa e abrir unha nova fase na que todas as parroquias sexan protagonistas dos investimentos municipais. Reclamamos unha planificación a medio prazo que combine a mellora dos espazos urbanos co impulso de proxectos nas zonas rurais, porque o progreso do noso concello só será real se é compartido e chega a todos".


Ademais, lembran que cos plans e fondos da Deputación "xa poderían terse impulsado melloras moi necesarias en moitas parroquias que, a día de hoxe, seguen sen servizos básicos de abastecemento ou saneamento. É inaceptable que, existindo recursos públicos e oportunidades de financiamento, o goberno local continúe ignorando estas carencias que afectan directamente á calidade de vida de centos de veciños".


Desde o Partido Popular consideran que esas actuacións deben ser prioritarias nos próximos plans provinciais. "As propostas que presentamos pretenden abrir o diálogo e servir de base para un proceso de participación cidadá real, no que os veciños e os colectivos locais poidan opinar e decidir sobre o futuro de Vila de Cruces. Queremos un

Concello que escoite, planifique e actúe con responsabilidade, non un goberno que improvise e chegue sempre tarde. Entendemos que estas actuacións encaixan perfectamente nos obxectivos do Plan Extra, que financia investimentos con impacto directo no benestar da cidadanía e na revitalización dos núcleos urbanos e rurais. Por iso, instamos ao goberno municipal a actuar con responsabilidade e a non deixar pasar unha

oportunidade que podería supoñer ata 700.000 euros de achega provincial para Vila de Cruces, unha cifra que permitiría acometer obras esperadas e necesarias".


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, sinala que "cremos tamén que ningún proxecto importante debe aprobarse de costas á veciñanza nin á oposición. Defendemos un modelo de xestión municipal baseado no diálogo, na transparencia e na colaboración, no que os veciños e os colectivos locais poidan opinar e participar activamente antes de decidir que actuacións se presentarán. Comprometémonos a apoiar calquera proxecto que sexa consensuado coa oposición e validado polos veciños, porque entendemos que o futuro de Vila de Cruces debe construírse entre todos, con sentido común e coa mirada posta no ben común. Por iso, imos rexistrar formalmente no Concello as nosas propostas, co obxectivo de abrir un diálogo co equipo de goberno e consensuar os proxectos que se presentarán aos plans extraordinarios da Deputación de Pontevedra. Cremos que a cooperación e o traballo conxunto son o camiño para lograr o mellor para Vila de Cruces".


Por último, indican os poulares que "non queremos máis anos perdidos nin oportunidades desaproveitadas. Vila de Cruces necesita planificación, participación e proxectos que melloren de verdade a vida das persoas. Desde o Partido Popular seguiremos facendo unha oposición útil, propositiva e aberta ao diálogo, sempre pensando no interese xeral e no futuro do noso concello".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page