top of page

O PP de Cruces lamenta que o "goberno continúe utilizando actos institucionais para excluír á oposición"

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Partido Popular de Vila de Cruces quere, en primeiro lugar, felicitar ás persoas

maiores que participaron na XXXIII Xuntanza das Persoas Maiores celebrada o mércores

nas Insuas de Gres, así como a todas aquelas persoas que fixeron posible unha xornada que, un ano máis, destacou polo seu magnífico ambiente de convivencia, confraternización e reencontro. "As persoas maiores son as auténticas protagonistas desta celebración e así quedou demostrado ao longo de toda a xornada, na que prevaleceron o respecto, a amizade e a ilusión por compartir un día tan especial. Precisamente por ese motivo, lamentamos profundamente que o goberno municipal decidise aproveitar este acto para introducir unha decisión de marcado carácter político, intentando presentar como un suposto privilexio o que durante décadas foi simplemente unha mostra de normalidade institucional".

Desde o Partido Popular queren "deixar moi claro que nunca estivemos nin estamos en contra de aboar o importe correspondente para asistir ao xantar. Ese non é, nin foi nunca, o debate. Se o Concello considera que os membros da Corporación deben asumir o custo da súa participación, é unha decisión que respectamos e que non cuestionamos. O que si consideramos un grave erro é pretender eliminar a presenza institucional de todos os representantes municipais, especialmente da oposición, baixo o argumento dunha falsa igualdade".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

"Durante os anos de goberno do Partido Popular, e queremos subliñar que sempre, os actos institucionais organizados polo Concello contaron coa participación de toda a Corporación Municipal, tanto do equipo de goberno como da oposición, con absoluta normalidade e respecto institucional. Nunca se distinguiu entre representantes segundo a súa cor política, porque todos eles foran elixidos democraticamente polos veciños e representaban ao conxunto da cidadanía. Lamentablemente, coa chegada do actual goberno municipal produciuse un cambio radical nesta forma de entender as institucións. Acto tras acto obsérvase unha clara vontade de relegar, invisibilizar e, nalgúns casos, practicamente borrar á oposición da vida institucional do Concello, esquecendo que tamén somos representantes lexítimos elixidos polos veciños de Vila de Cruces".


As institucións, apunta, "están por riba dos gobernos de cada momento. Os actos organizados polo Concello non pertencen ao equipo de goberno, senón a toda a

veciñanza, e a representación institucional corresponde á totalidade da Corporación Municipal".


 Por outra banda, tamén queren "chamar a atención sobre unha circunstancia

que nos parece, cando menos, contraditoria. Consideramos totalmente normal e positivo que nesta celebración participasen persoas procedentes doutros municipios, xa que este tipo de encontros favorecen a convivencia e fortalecen os lazos sociais entre veciños de diferentes localidades. Con todo, resulta difícil entender que, mentres se argumenta que os concelleiros deben asumir integramente o custo da súa asistencia en nome da igualdade, ao mesmo tempo unha parte do importe do xantar das persoas asistentes doutros concellos sexa sufragado con fondos municipais de Vila de Cruces".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

"Se o argumento empregado polo goberno municipal é que cada persoa debe asumir o custo da súa participación, ese criterio debería aplicarse de maneira coherente. Non parece razoable que os recursos económicos dos veciños de Vila de Cruces contribúan a subvencionar a participación de persoas alleas ao municipio mentres se utiliza un discurso de igualdade para xustificar a exclusión da representación institucional da oposición. O Partido Popular seguirá defendendo unha forma de facer política baseada no respecto institucional, na participación de todos os representantes elixidos democraticamente e na convivencia, sen sectarismos nin utilización partidista dos actos organizados polo Concello. Porque os actos institucionais son patrimonio de todos os veciños e non do

goberno de quenda".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page