top of page

O PP de Cruces intercede ante a Xunta para lograr unha axuda para arranxar un vial de Fontao

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Manterá nos vindeiros días reunións de traballo cos equipos directivos dos centros educativos do municipio


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces vén de interceder ante a Xunta de Galicia para conseguir que de forma prioritaria e urxente a administración autonómica conceda unha axuda económica a este concello destinada ao arranxo e mellora do firme de rodadura da estrada que une Penagudín co Porto do Carrio (Fontao).

"Esta vía, de titularidade municipal, é de especial importancia e servizo para os residentes no Poboado Mineiro de Fontao ao tempo que ten esa mesma importancia para unha gran parte da poboación de Vila de Cruces, xa que para os veciños e as veciñas de parroquias como Bascuas, Merza, Sabrexo e mesmo parte de Camanzo, supón a vía máis directa e rápida para desprazarse ata lugares como Silleda", subliña o PP. "Transitada a diario por numerosos usuarios, ademais de conectar outros municipios limítrofes con áreas turísticas de importancia para o noso municipio como a Área Recreativa de A Carixa ou o propio Poboado Mineiro de Fontao, representa a vía de enlace á autopista máis rápida e directa da zona", engade.


Visita ao equipo directivo

Por outra banda, o Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces, a través do seu voceiro, Jesús Otero, vai a manter nos vindeiros días reunións de traballo cos equipos directivos dos centros educativos do municipio. "A chegada da Covid-19 trouxo consigo unha situación excepcional para os estudantes e os mestres, situación que mudou o día a día nos colexios e institutos e que requiriu dun gran esforzo por parte de toda a comunidade educativa".

O Partido Popular de Vila de Cruces desprazarase á escola infantil, aos colexios de Educación Infantil e Primaria de Vila de Cruces e de Cerdeiriñas – Piloño así como no IES Marco do Camballón.


"Nestes encontros, cun carácter construtivo e colaborativo cos equipos directivos e coas AMPAS, queremos coñecer de primeira man a situación postpandemia nos centros do noso concello e traballar para acadar todas as melloras posibles para poder seguir dotando e mellorando as capacidades destes centros e polo tanto, o día a día das nenas e nenos do noso municipio. A dixitalización, un mellor acceso á rede, a dotación de material educativo, a modernización de infraestruturas ou a prevención de situacións de acoso escolar serán algúns dos puntos a abordar", recalca.




コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page