Asegura que están recibindo moitas queixas deste sector e tamén de veciños, sobre todo dos das parroquias
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal Popular de Vila de Cruces transmite "a nosa preocupación por como se está xestionando a futura obra anunciada en días pasados por parte do desgoberno municipal sobre a suposta mellora da Rúa Vázquez, en pleno centro urbano do pobo e a cal se cifra en máis de 892.000 euros a cargo do programa REACPON da Deputación de Pontevedra".
En primeiro lugar, "queremos sinalar e deixar moi claro que estamos a favor da humanización da devandita rúa, pero isto non implica estar de acordo na forma no que se vai a realizar. Así, mentres o señor alcalde presenta unha obra sen avaliar todos os proles e os contras da mesma e sen escoitar á vecinanza, chegando mesmo a retirala do punto do día do último pleno para aprobala pola porta de atrás sen o consenso dos veciños nin dos grupos presentes no pleno municipal, desde o noso grupo recibimos con preocupación as opinións de veciños e sobre todo de comerciantes que teñen os seus negocios e medios de vida nela".

O proxecto do concello, contempla, "ademais dunha única dirección para a circulación do tráfico, unha única zona de aparcamento por un só lado da rúa. Esta situación, a xuízo de varios comerciantes, pode supoñer un alto risco para os negocios presentes, sobre todo para as tendas e os establecementos de alimentación nos cales normalmente faise unha compra máis voluminosa e pesada, debido a que despois da obra, case non van quedar dispoñibles prazas para aparcamento, o que dificultará moito que os veciños, sobre todo os das aldeas, poidan ter o seu coche preto destes establecementos para cargar neles as compras". Sinala que varios comerciantes "transmitíronnos os seus malos presaxios sobre esta obra, non foron menos os veciños e veciñas, sobre todo das parroquias do rural, xa que como sinalan, á escaseza de prazas de aparcamento dispoñibles despois da obra uniráselle que as rúas próximas estarán completamente ocupadas debido a que o tráfico que sairá da Rúa Vázquez terá que aparcar noutras rúas, esta situación, a xuízo dos comentarios que estamos a recibir día tras día, provocará que ante a imposibilidade de aparcar preto destes establecementos, moitos veciños opten por desprazarse a municipios limítrofes onde están presentes grandes áreas comerciais e que ofrecen un servizo de aparcadoiro gratuíto".
A dispor do alcalde
Así, o PP apunta que "está ao dispor do señor alcalde para encarar de forma positiva e construtiva unha solución lóxica e que achegue un maior beneficio ao pobo, debido a que estamos ante unha obra dunha magnitude que esixe de sentido común e non levar ao comercio local a unha perda dos clientes do rural que representan o 95% do total nestes negocios. Cremos que a cabezonería do desgoberno municipal en “tirar para adiante” vai repercutir negativamente nos negocios os cales a maioría son sustentados por clientes do rural e por tanto, na economía local".
Así mesmo, recalca que "ao proxecto de contemplar un só lado da rúa destinado a aparcamento, habería que sumar as zonas de carga e descarga e aparcamentos para minusválidos nas que tampouco se podería aparcar sen limitación de horario, situación que pode deixar a rúa para uns poucos coches e principalmente, de residentes. Deberíase de ter en conta a opinión maioritaria dos veciños e os comerciantes e habilitar os dous lados da rúa para aparcamento para así poder lograr un maior e mellor equilibrio entre a humanización da mesma e a actividade económica dos nosos comerciantes" .
"Igualmente, cremos que unha obra do capital que é esta e que supostamente persegue unha mellor convivencia e comodidade, debería contemplar que os recolectores de lixo fosen subterráneos, como se colocan en moitos outros municipios, pois se evitarían malos cheiros e o impacto visual melloraría moito dita humanización. En definitiva, desde o Grupo Popular, cremos que unha obra do calado desta, debe facerse ben e co maior consenso posible e análise de todos os escenarios posibles. A este efecto, queremos engadir unha reflexión para o señor alcalde e o seu equipo; ás veces, menos é máis; cremos que o máis lóxico é escoitar aos comerciantes e realizar as modificacións necesarias, que aínda está a tempo, ao proxecto exposto debido a que aínda que isto traia unha posible diminución no importe da subvención recibida, os seus beneficios para o comercio e o pobo serán maiores e mellores".
Comments