O PP de Cruces critica que este "concello está por 1ª vez na historia por debaixo dos 5.000 habitantes"
- ecosdacomarca

- 5 ene
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces fai un balance moi negativo da situación política e socioeconómica do municipio tras coñecerse "un dos datos máis preocupantes deste ano: Vila de Cruces cae por primeira vez na súa historia por debaixo dos 5.000 habitantes, entrando nunha dinámica de retroceso demográfico continuado que pon en evidencia o fracaso das políticas do actual goberno municipal".
Este feito, apunta, "non é casual nin inevitable. É a consecuencia directa destes últimos anos de inacción, falta de proxecto e absoluta desidia do goberno local actual, fronte a unha realidade demográfica sobre a que o Partido Popular leva alertando reiteradamente nos últimos anos ao goberno de Luís Taboada, sen que esas advertencias fosen atendidas en ningún momento".

A perda continuada de poboación, sinala, "ten consecuencias moi graves para o futuro de Vila de Cruces: menor capacidade para xerar actividade económica, dificultades crecientes para atraer investimentos e unha presión cada vez maior sobre os servizos municipais, todo iso nun contexto no que non existe ningún plan serio nin estratexia definida para reverter esta situación".
E insiste en que "resulta especialmente grave que, mentres o concello perde poboación, o
goberno local non teña a máis mínima vontade de axustar a estrutura municipal á nova realidade, mantendo custos fixos innecesarios que non responden ás prioridades dos veciños. Desde o Partido Popular consideramos imprescindible reducir gastos superfluos, comezando pola eliminación dos múltiples asesores externos de comunicación, xurídicos e outros servizos contratados sen xustificación real, así como dos distintos chiringuitos creados ao servizo do señor alcalde".
Publicidade
A esta necesaria redución de custos debe sumarse, salienta, "tamén unha revisión responsable das dedicacións do goberno municipal, co obxectivo de axustar o cinto e adaptar o gasto político á situación real do concello, priorizando sempre o interese xeral, a eficiencia na xestión e o bo uso dos recursos públicos. Do mesmo xeito, esiximos a supresión inmediata do cargo de persoal de confianza, xa que a situación actual do municipio, tras baixar dos 5.000 habitantes, non se axusta á normativa vixente, polo que manter este posto supón unha irresponsabilidade política e un uso inadecuado dos recursos públicos".
"Resulta inadmisible que o goberno local presuma ano tras ano de superávit nas contas municipais mentres desperdicia recursos en estrutura política, propaganda e cargos innecesarios, en lugar de destinalos a proxectos estratéxicos que permitan fixar poboación e xerar oportunidades. E é que ao longo de todos estes anos o goberno municipal non puxo en marcha nin un só proxecto estratéxico de futuro para Vila de Cruces. Non se avanzou na aprobación definitiva do PXOM; non se deu ningún paso efectivo para dispoñer de solo público no polígono industrial de Aguillóns; non se atendeu a necesidade urxente de ampliar a gardería municipal; non se traballou para incorporar novos ciclos formativos ao instituto; e segue sen haber explicacións nin avances reais sobre o centro de día, unha infraestrutura imprescindible nun concello cunha poboación cada vez máis envellecida".
Mentres tanto, lamenta, "todas as propostas formuladas polo Partido Popular nos plenos
municipais, orientadas a facilitar o acceso á vivenda, aplicar bonificacións fiscais, apoiar ás familias e á mocidade e atraer actividade económica, foron sistematicamente ignoradas polo goberno local. Desde a chegada do actual alcalde ao goberno municipal, Vila de Cruces permanece estancada, sen dirección, sen ambición e sen un modelo de futuro
definido. A súa prioridade semella ser manter unha estrutura política sobredimensionada e conservar o poder, mentres o concello perde tempo, poboación e oportunidades".
Publicidade
O Partido Popular de Vila de Cruces insiste en que non vai resignarse "a este declive". "Seguiremos defendendo un proxecto serio, rigoroso e ambicioso, baseado na planificación, na austeridade responsable, na eliminación de gastos innecesarios e na posta en marcha de proxectos estratéxicos reais, porque Vila de Cruces merece un goberno con rumbo, con ideas e con futuro".








Comentarios