O PP de Cruces alerta dun Concello sumido "no descontrol, nas loitas internas e no éxodo de persoal"
- ecosdacomarca

- hace 7 minutos
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces expresa a súa "máxima preocupación pola situación límite á que o actual alcalde, Luis Taboada, está a levar o Concello. O que estamos a vivir non é normal, non é casual e responde a unha forma de gobernar marcada polo descontrol, polos conflitos internos e pola incapacidade para manter un mínimo clima de estabilidade institucional e laboral".

Nos últimos meses, asegura o PP, "os feitos acumúlanse e falan por si sós. A recente renuncia dun concelleiro do grupo de goberno, (Julio López) que pasou ao Grupo Mixto, é só a punta do iceberg dun executivo municipal fracturado por loitas internas constantes. Non se trata dun feito illado: hai apenas un mes o alcalde cesou como tenente de alcalde a esa mesma persoa, e nese mesmo período tamén apartou da Xunta de Goberno Local a outro concelleiro, nun claro exemplo de improvisación e conflitos internos sen explicar".
Publicidade
O máis grave, sinala, "é que, lonxe de achegar explicacións aos veciños, o alcalde volveu
designar agora para ese mesmo órgano a un concelleiro ao que el mesmo cesara un mes antes. Un vaivén incomprensible, propio dunha película, que evidencia un goberno sen criterio, sen dirección e dominado polas loitas internas polo poder. Pero se a situación política é caótica, o que ocorre co persoal do Concello é directamente alarmante. O Concello de Vila de Cruces converteuse nun lugar do que os traballadores marchan porque non o aguantan. Baixas continuas, excedencias, renuncias e un auténtico éxodo en postos clave da administración: marcharon todos os secretarios, o interventor, o tesoureiro, a directora da residencia que pediu a excedencia e mesmo a arquitecta municipal renunciou ao seu posto".
Este abandono xeneralizado, engaden os populares, "non pode explicarse nin pola casualidade nin por motivos persoais illados. Cando os funcionarios, un tras outro, deciden marchar, solicitar baixas prolongadas ou pedir excedencias, é inevitable preguntarse polo clima interno no que están a desempeñar o seu traballo. Desde o Partido Popular consideramos lexítimo cuestionar se as condicións laborais, as presións internas
ou determinadas formas de trato están a provocar esta situación insostible, absolutamente impropia dunha administración pública".
A situación "é tan grave que resulta lexítimo sementar dúbidas sobre o correcto funcionamento da administración municipal, sobre a posible existencia de prácticas irregulares no ámbito da xestión interna e sobre se esta maneira de gobernar está a poñer en risco a legalidade, a transparencia e os dereitos do propio persoal municipal, ademais dos intereses xerais dos veciños e veciñas de Vila de Cruces. Todo isto está a ter consecuencias directas: un Concello paralizado, uns servizos municipais resentidos e uns veciños que pagan o prezo da incompetencia e do caos interno do goberno local".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Desde o Partido Popular de Vila de Cruces queren deixar claro "que seguiremos atentos, vixiantes e traballando en defensa dos intereses dos veciños e veciñas, fronte a un goberno municipal cada vez máis afastado da realidade do municipio. E precisamente por responsabilidade e por compromiso co futuro de Vila de Cruces, consideramos que, ante a baixa do concelleiro que pasou ao Grupo Mixto e da directora da residencia municipal, que solicitou excedencia, os recursos económicos previstos para eses dous postos deben ser redirixidos a políticas útiles e necesarias para o conxunto da poboación".
Desde o PP propoñen que eses fondos se destinen a axudas á natalidade e a programas de rehabilitación de vivenda no rural, "co obxectivo de facer máis atractivo o noso concello para vivir, apoiar ás familias e frear o grave proceso de despoboamento que estamos a sufrir. Non é un dato menor que Vila de Cruces baixase por primeira vez na súa historia
dos 5.000 habitantes, un feito que debería provocar unha profunda reflexión nun goberno máis preocupado polas súas loitas internas que polos problemas reais da veciñanza".
Publicidade
E conclúe que "desde o Partido Popular de Vila de Cruces seguiremos defendendo un modelo de concello serio, estable, transparente, con respecto polos traballadores municipais e con políticas reais que garantan futuro, poboación e oportunidades para o noso municipio".








Comentarios