O PP de Arzúa rexeita a instalación dun monolito a Moncho Reboiras
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Partido Popular de Arzúa manifesta o seu absoluto rexeitamento ao anuncio realizado polo Concello de Arzúa sobre a instalación dun monolito en homenaxe a Moncho Reboiras, "figura vinculada á UPG e ao marxismo revolucionario, sen relación algunha coa historia nin coa veciñanza de Arzúa".

Esta decisión, anunciada polo goberno local, un tripartito formado por BNG, Alternativa por
Arzúa e PSOE, representa, indica o PP, "unha nova mostra da deriva ideolóxica dun goberno que se afasta das necesidades reais da vila e das parroquias. Mentres Arzúa carece dun novo polígono industrial, mentres non se loita por atraer poboación nin empresas, mentres se desatenden os servizos básicos, o Concello dedica tempo e recursos a politizar espazos públicos e a promover homenaxes que nada teñen que ver coa identidade local".
Rafael Rivadulla, voceiro municipal do Partido Popular, sinala que "é intolerable que se utilicen os cartos dos veciños para levantar un monolito a unha figura radical, sen vínculo con Arzúa, mentres se ignoran as verdadeiras prioridades do municipio. Esta non é unha decisión democrática, non busca a convivencia nin a liberdade de opinión. É
unha imposición ideolóxica que politiza o espazo público e divide á veciñanza.”
O PP de Arzúa esixe transparencia sobre o custo desta iniciativa. "Canto vai custar aos
arzuáns? Por que non se destinan os recursos a mellorar os accesos ás parroquias, a reparar infraestruturas ou a apoiar ao tecido empresarial? Onde están Alternativa por Arzúa e o PSOE? Comparten esta homenaxe? Apoian esta deriva?". O Partido Popular reclama unha declaración pública por parte dos seus socios de goberno.
Publicidade
"A realidade é clara: os resultados das últimas eleccións municipais e autonómicas amosan que Arzúa non quere comunismo, nin marxismo, nin revolucións. Arzúa quere traballo, servizos, futuro. E o PP de Arzúa comprométese a retirar ese monolito en canto goberne. Non queremos un pobo politizado, queremos un pobo atendido. Hai moita xente en Arzúa que merece homenaxes: persoas que traballaron pola vila, que contribuíron ao seu desenvolvemento, que deixaron pegada na comunidade. Pero o tripartito escolle homenaxear a quen nada ten que ver con nós. Unha decisión que fala máis da súa
axenda ideolóxica que do interese xeral. Desde o Partido Popular de Arzúa seguiremos defendendo os intereses reais da veciñanza, fronte á propaganda e á manipulación política".
NOTICIA RELACIONADA:
Arzúa instalará un monolito de Xosé Ramón Reboiras Noia no 50 aniversario do seu asasinato: https://www.ecosdacomarca.com/post/arz%C3%BAa-instalar%C3%A1-un-monolito-de-xos%C3%A9-ram%C3%B3n-reboiras-noia-no-50-aniversario-do-seu-asasinato







Comentarios