Arzúa instalará un monolito de Xosé Ramón Reboiras Noia no 50 aniversario do seu asasinato
- Laura Moure

- hace 21 horas
- 2 Min. de lectura
O Concello súmase así ás conmemoracións polo asasinato da última vítima galega do franquismo, nunha iniciativa en colaboración coas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa súmase ás conmemoracións que se están a desenvolver en diferentes vilas e cidades galegas con motivo do 50 aniversario do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo en Galicia. O anuncio realizouse durante un encontro entre o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e os presidentes das fundacións que participan na organización dos actos conmemorativos polo 50 aniversario de Moncho Reboiras: Xesús Seixo, da Fundación Moncho Reboiras, e Roberto Vilameá, da Fundación Terra e Tempo. Na reunión tamén participaron a concelleira de Igualdade, Lingua e Patrimonio, Lucía López,
e o concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, que acompañaron ao rexedor arzuán.

O Goberno local colocará un monolito conmemorativo, que contará cunha ilustración do artista galego Leandro Lamas.O alcalde, Xoán Xesús Carril, explicou que “con esta acción sumámonos á lembranza de Moncho Reboiras, asasinado unicamente polos seus ideais nun tempo no que a ditadura perseguía calquera expresión de liberdade e calquera reivindicación que puxese enriba da mesa os dereitos sociais e nacionais do pobo galego”.
O rexedor subliñou “a necesidade de que as institucións asuman o seu papel na preservación da memoria histórica, como un exercicio de responsabilidade pública que contribúa á xustiza, á memoria e á reparación das vítimas do franquismo”.
Engadiu ademais que “este compromiso é especialmente necesario nun tempo no que seguen a aparecer expresións que e atentan contra a memoria democrática e a dignidade de persoas que deron a súa vida por unha sociedade máis xusta e democrática”.
Moncho Reboiras (1947–1975) foi un activista político e sindical galego vinculado ao movemento estudantil e á organización da clase traballadora, asasinado en Ferrol pola policía franquista o 12 de agosto de 1975. Na noite anterior, o 11 de agosto, a Brigada Político-Social establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás dúas da madrugada varios axentes da Brigada, xunto con efectivos da Policía Armada, acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que conseguiu escapar durante máis de dúas horas antes de ser alcanzado no portal da rúa da Terra, onde foi abatido a tiros.
Publicidade
O monolito será instalado nas próximas semanas e servirá como espazo de lembranza e reflexión colectiva, dentro das accións impulsadas polo Concello para dignificar e reparar a memoria das persoas represaliadas pola ditadura, e fomentar “os valores da democracia, a liberdade e a convivencia” concluíu Carril.







Comentarios