O PP de Agolada reclama a reincorporación do Concello á Mancomunidade
Os populares solicitarán a celebración dun pleno extraordinario para instar ao Goberno local a iniciar canto antes os trámites de adhesión
Ecos da Comarca/Agolada
O Partido Popular de Agolada solicitará a celebración dun pleno extraordinario no Concello para instar ao Goberno municipal a iniciar, canto antes, os trámites necesarios para que Agolada se reincorpore á Mancomunidade de Terras de Pontevedra, un organismo supramunicipal que nos últimos tempos vén reforzando a súa estrutura coa incorporación de novos concellos como A Estrada e Forcarei.
O PP considera que a saída de Agolada da mancomunidade "foi unha decisión arbitraria
adoptada no seu día polo exalcalde Luis Calvo e que, ademais, non contou coa oposición nin coa protesta pública dos integrantes do actual Goberno municipal". Os populares lamentan que aquela decisión "terminase prexudicando aos veciños de Agolada, que perderon a posibilidade de beneficiarse de recursos e servizos compartidos, entre eles o acceso a maquinaria para realizar reparacións e actuacións municipais con maior axilidade e menores custos".

Para o Partido Popular, a situación actual fai aínda máis necesario que Agolada dea o paso de regresar á mancomunidade. "Nos últimos anos, este organismo iniciou un proceso de fortalecemento moi importante, coa incorporación de novos concellos e a recuperación de recursos económicos que permitiron consolidar unha estrutura máis potente e con maior
capacidade para prestar servizos e impulsar proxectos conxuntos no norte da provincia de
Pontevedra", apunta.
“Agolada non pode quedar fóra deste tren”, sinalan desde o PP, que considera que formar parte dunha mancomunidade forte supón unha oportunidade para acceder a novas vías de
financiamento, explorar proxectos conxuntos e optar a fondos europeos, ademais de permitir a posta en marcha de servizos de carácter comunitario que individualmente serían máis difíciles ou custosos de asumir.
Os populares advirten de que Agolada "está a quedar illada neste ámbito, ao ser o único
concello da súa contorna que non forma parte deste organismo supramunicipal", unha situación que consideran “incomprensible e prexudicial” para os intereses dos veciños.
Carmen Seijas aborda esta posibilidade co presidente da Mancomunidade
A voceira do Partido Popular de Agolada, Carmen Seijas, mantivo conversas co alcalde de Lalín e presidente da Mancomunidade, José Crespo, para coñecer de primeira man as posibilidades de reincorporación de Agolada e trasladarlle o interese dos populares en que o municipio volva formar parte deste organismo.
PUBLICIDADE
Crespo trasladoulle que desde a propia Mancomunidade se contactou en diversas ocasións co Goberno de Agolada para animalo a participar neste proxecto. Segundo explicou, o Concello foi convidado a diferentes reunións e mesmo a visitas organizadas para coñecer sobre o terreo o funcionamento da mancomunidade e os servizos que presta, sen que se producise resposta por parte do Goberno local.
O presidente da Mancomunidade mostrouse partidario de que Agolada se incorpore
novamente ao organismo e asegurou que o Concello “será sempre ben recibido”, sempre que asuma os compromisos correspondentes como membro da entidade.
Desde o PP de Agolada consideran que esta disposición debe ser aproveitada e que o Goberno municipal debe deixar atrás a pasividade e iniciar inmediatamente os trámites necesarios. “Agolada non pode permitirse seguir mirando desde fóra mentres outros concellos da contorna se incorporan e aproveitan as posibilidades que ofrece a mancomunidade. É unha oportunidade para mellorar servizos, compartir recursos, captar fondos e impulsar proxectos que beneficien directamente aos nosos veciños”, defende Carmen Seijas.
PUBLICIDADE
Os populares consideran que a reincorporación á Mancomunidade debe ser unha prioridade e lembran que Agolada nunca debería ter deixado de formar parte deste organismo, polo que agora é necesario corrixir aquela decisión e volver situar o concello nun espazo de cooperación que pode marcar “un antes e un despois” na xestión dos servizos públicos e na capacidade de impulsar proxectos conxuntos no norte da provincia de Pontevedra.
Por este motivo, o PP levará ao pleno a súa proposta para que o Concello de Agolada inicie sen máis demora todos os trámites necesarios para solicitar formalmente a súa reincorporación á Mancomunidade.









Comentarios