O PP cruceño presenta propostas en materia de benestar social para os cativos e as súas familias
Entre elas figura a posta en marcha dunha unidade de Atención Temperá ou o Programa Conciliamos
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces presenta distintas propostas do seu programa electoral en materia de benestar social para os máis cativos e as súas familias.

"Poñeremos en marcha a unidade de Atención Temperá, un servizo especializado de atención a nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas no desenvolvemento ou en risco de padecelos, coa finalidade de ter un servizo de valoración, intervención e seguimento dos cativos e as súas familias en Cruces. Co obxectivo de facilitar a conciliación persoal, familiar e laboral levarase a cabo o Programa Conciliamos, un proxecto enriquecido elaborado coas aportacións de varios colectivos. Un programa do cal se beneficiarán as familias de Vila de Cruces con nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, en ambos centros educativos, tanto no CEIP Cerdeiriñas de Piloño como no CEIP Nosa Señora da Piedade; promoveranse actividades de carácter lúdico e educativo, en coordinación coas ANPAS e Asociacións Socioculturais", explican os populares.
Ademais, sinala que dentro de “Conciliamos” atoparase a “Aula Madrugadores” con posibilidade de que os escolares accedan ós centros antes do comezo da actividade lectiva, as “Aulas Vespertinas” coa opción de acceder tras o día lectivo para realizar as tarefas escolares diarias, a aprendizaxe de técnicas de estudo e outras actividades lúdico-educativas (segundo a idade dos cativos). "Este programa tamén contará con servizo de “Canguraxe” que estará a disposición dos rapaces/zas que asistan a actividades das escolas deportivas e culturais (atención, acompañamento e traslado). Para os festivos escolares levaranse a cabo actividades de ocio e tempo libre coa “Aula Vacacional”".
E adiantan que o programa “Conciliamos” "ten como peculiaridade proporcionar unha resposta á necesidade das familias ante situacións imprevistas e puntuais, funcionando os días lectivos, pero de maneira flexible, o que significa que cada familia determinará os días e o tempo que precisa. Así mesmo, procederase á entrega de lotes de produtos para darlle a benvida @s recén nacid@s co “Cestiño benvid@”, un agasallo que será adquirido nos comercios locais do noso pobo. Queremos que o benestar social dos nosos cativos sexa máis que unha ilusión", conclúe o PP.








Comentarios