O PP cruceño organizou un acto público co sector do comercio e da hostalería
O obxectivo era o de coñecer as súas necesidades e propostas
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Na pasada semana o Partido Popular de Vila de Cruces organizou un acto público co sector do comercio e da hostalería co obxectivo de coñecer as súas necesidades e propostas. "Tivemos o pracer de contar co Director Xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez, que se desprazou ata a vila para comentar as diferentes posibilidades e alternativas para os distintos sectores, destacando a importancia da formación, a dixitalización, a eco-innovación, a dinamización e as axudas, entre outras; así mesmo, expuxemos as nosas propostas para o sector do comercio e da hostalería que foron ben acollidas entre os asistentes", recalca este partido.

Desde o Partido Popular, sinalan "comprometémonos a impulsar o comercio local mediante a promoción de catro campañas atractivas que incentiven o consumo no pobo ó longo do ano, para as que se destinarán 24.000 euros; dita contía poderá verse incrementada coas axudas concedidas pola Xunta de Galicia. En paralelo a esta iniciativa, vanse implantar accións que melloren e activen a promoción comercial como talleres, actividades para os máis cativos, xogos, inchables, actuacións musicais polas rúas, etc., deste xeito, incentivarase a actividade económica atraendo visitantes, consumidores da zona e outros novos. Deste modo, promoverase unha vila máis atractiva e activa, ó tempo que se desfruta dunhas xornadas na que se poden conciliar as compras co ocio".
Así mesmo, indican que explicaron tamén as distintas propostas para o sector da hostalería, destacando en primeiro lugar, a creación da Plataforma dixital “Percorrendo Vila de Cruces” "que aglutina e potencia a gastronomía do noso municipio, así como o turismo e a cultura". "Organizaranse catro xornadas de promoción da hostalería e un evento gastronómico da caza maior. Tamén se establecerá unha rede gastronómica e a realización de feiras que promocionen os produtos locais, destacando a promoción das tradicionais feiras do 4 e 17 de cada mes, facilitando a “volta da carpa do pulpeiro” e o servizo gratuíto de transporte público “feira taxi” ou “feira bus” que prestará servizo de ida e volta a tódolos lugares do concello. Promocionarase o noso produto estrela, o Galo de Curral, mediante a programación de outras catro xornadas anuais tanto a nivel autonómico como nacional, así como a organización dun taller gastronómico do Galo feito por nenos e nenas de Vila de Cruces na praza do Obradoiro en Compostela".
No referente ó turismo destaca a creación da figura dun técnico de animación sociocultural; o impulso do museo da minería de Fontao mediante exposicións itinerantes que atraian visitantes; rutas de sendeirismo, BTT e rutas cabalares (sinalización, recoñecemento da Ruta Holandesa e Ruta dos Arrieiros); "promocionaranse diversas rutas turísticas, culturais e gastronómicas e organizaranse Tours itinerantes ó longo do ano, tanto no interior como no exterior de Galicia".








Comentarios