O PP cruceño dá a coñecer as súas propostas en materia de Educación e Sanidade
- ecosdacomarca

- 16 may 2023
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces reitera o seu compromiso coa mocidade e a formación aumentando a oferta educativa no IES Marco do Camballón coa implantación do ciclo superior de Enerxías Renovables co obxectivo de facilitar a inserción e consolidación laboral dos xóvenes nun sector que está en auxe.

"Outra das actuacións que se levarán a cabo é a tramitación e preparación de cursos para
obter o certificado do Celga que poderán ser solicitados por tódalas persoas maiores de
dezaseis anos que desexen mellorar o coñecemento e dominio do galego. Igualmente,
propoñemos realizar a tramitación e cursos de formación para conseguir as competencias
clave en educación secundaria. Outras das propostas son: a realización de cursos de inglés en distintos lugares do municipio, axudas para a compra de material escolar ás familias máis necesitadas, e apoio económico ás ANPAS de ambos centros educativos e a outras asociacións relacionadas coa educación para o desenvolvemento adecuado das súas actividades".
Por último, sinala que levará a cabo melloras no edificio da Galescola co acondicionamento do patio exterior, ampliación da cuberta e equipamento do parque infantil, entre outras. "Así mesmo, continuarase solicitando á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, as melloras do CEIP Cerdeiriñas de Piloño (rehabilitación integral do colexio) e CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces (reunificación do colexio infantil e primaria)".
No ámbito sanitario, indica o PP, "continuarase solicitando á Consellería de Sanidade a mellora do mantemento do centro de saúde, acondicionarase unha zona de aterraxe para helicóptero de urxencias, impartiranse charlas de hábitos saudables por profesionais sanitarios e realizarase a campaña de prevención e sensibilización para o coidado da saúde mental na infancia e na adolescencia".









Comentarios