O PP agoladés denuncia "o desgoberno absoluto do Concello tras a sucesión de malos datos económicos e de xestión"
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 3 min de lectura
Alerta de que Agolada "encadea informes económicos negativos, perde subvencións, deteriora os servizos públicos e mantén o goberno máis caro da súa historia mentres medra a preocupación pola situación do Concello"
Ecos da Comarca/Agolada
O PP de Agolada denuncia "o desgoberno absoluto do Concello tras a sucesión de malos datos económicos e de xestión". Alerta que Agolada encadea "informes económicos negativos, perde subvencións, deteriora os servizos públicos e mantén o goberno máis caro da súa historia mentres medra a preocupación pola situación do Concello".
O Partido Popular que a situación do Concello "alcanzou un punto de máxima preocupación tras a continua aparición de datos oficiais e resolucións administrativas que evidencian un deterioro xeralizado da xestión municipal. En apenas uns días coñeceuse que Agolada é o único concello da comarca que incrementa a súa débeda viva; o único que figura con preto de 119.000 euros en obrigas pendentes de aplicación ao orzamento; e que foi incluído entre os concellos chamados a acollerse ao mecanismo extraordinario de pagamento a provedores debido ao elevado volume de facturas pendentes".

Para o PP, estes datos oficiais non constitúen feitos illados, senón a consecuencia dunha forma de gobernar "baseada na improvisación, na falta de planificación e na ausencia de control sobre o funcionamento do Concello".
Neste sentido, a portavoz popular, Carmen Seijas, asegura que “cada informe económico que se publica, cada resolución administrativa e cada nova noticia non fan máis que confirmar que Agolada vive unha situación de desgoberno absoluto. Sempre aparecemos como a excepción negativa da comarca, e iso xa non pode atribuírse á casualidade. É o resultado dunha xestión que fai augas por todos os lados”.
Os populares lembran que "á preocupante situación económica súmase agora a perda de, cando menos, 40.000 euros correspondentes á primeira anualidade do Plan Camiña, como consecuencia das deficiencias detectadas no procedemento de contratación. O máis grave non é só perder unha subvención. O verdadeiramente preocupante é que, cando preguntamos por este asunto no Pleno, o alcalde respondeu que non tiña constancia desta situación. E só existen dúas posibilidades: ou realmente descoñecía que o Concello ía perder unha axuda desta importancia, o que demostraría que non controla a xestión municipal; ou si o sabía e decidiu non dicir a verdade no Pleno. Calquera das dúas opcións é gravísima e incompatible coa responsabilidade que require gobernar un Concello”, afirma Carmen Seijas.
PUBLICIDADE
O Partido Popular denuncia igualmente "o progresivo deterioro dos servizos municipais". Como exemplo, sinala a situación do Servizo de Axuda no Fogar, "onde as baixas do persoal non se cobren coa axilidade necesaria, existen horas de atención recoñecidas pola Xunta que continúan sen prestarse, persoas dependentes que permanecen días, e mesmo máis dunha semana, sen recibir o servizo que teñen concedido e familias que, en ocasións, nin sequera son informadas previamente da ausencia da traballadora que debía atendelas".
A esta situación súmase, segundo os populares, "a imaxe de abandono que presenta o municipio. Os Pendellos chegaron ao inicio do Corazón da Artesanía cun evidente estado de sucidade e falta de mantemento, unha situación que provocou incluso as queixas de artesáns e expositores, mentres diferentes infraestruturas municipais continúan deteriorándose pola falta de conservación".
PUBLICIDADE
“O problema de Agolada xa non é económico, nin administrativo, nin de servizos. O problema é que este Concello está completamente desnortado. Hai abandono, hai improvisación e hai unha evidente falta de dirección política. Cada semana coñecemos un novo problema e todos teñen un mesmo denominador común: a incapacidade do goberno municipal para xestionar con rigor o Concello”, sinala a portavoz popular.
Para o PP resulta especialmente incomprensible que, "mentres se suceden estes problemas, o goberno municipal continúe mantendo o executivo máis caro da historia de Agolada, cun custo superior aos 150.000 euros anuais en soldos políticos e cargos afíns, nun municipio de apenas 2.000 habitantes. Os veciños pagan hoxe máis ca nunca por manter o goberno máis caro da historia de Agolada e, sen embargo, reciben peores servizos, atopan un Concello máis abandonado e ven como cada novo dato oficial empeora a imaxe e a situación do municipio. É evidente que este goberno esgotou o seu proxecto e perdeu a capacidade de xestionar”, conclúe Carmen Seijas.
PUBLICIDADE
O Partido Popular de Agolada esixe ao alcalde que compareza publicamente para explicar a verdadeira situación económica do Concello, as consecuencias da perda de subvencións, o estado dos servizos públicos e as medidas que pensa adoptar para frear un deterioro que, a xuízo dos populares, xa afecta á práctica totalidade da xestión municipal. “Agolada merece un goberno que xestione, que planifique e que resolva problemas. O que ten hoxe é un goberno instalado no desgoberno permanente.”









Comentarios