O portavoz parlamentario do PPdeG inaugurou a Escola de Verán de NNXX que se celebra en Lalín
- ecosdacomarca

- hace 7 horas
- 2 min de lectura
O presidente provincial da agrupación xuvenil, Raúl Santamaría, valora esta iniciativa como “un gran intercambio de ideas para enriquecer o noso proxecto”
Ecos da Comarca/Lalín
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, salientou onte a “actitude proactiva” da mocidade de Novas Xeracións (NNXX) co gallo da inauguración dunha nova edición da Escola de Verán que se celebra durante toda esta fin de semana en Lalín e, por ese ánimo de acción, chamounos a ser “actores do cambio” nas decisivas eleccións que se
celebrarán en 2027 nos concellos e en España “para construir unha sociedade máis próspera, máis xusta e mellor”.

“Está claro que vivimos tempos convulsos nos que se están a producir cambios estruturais na nosa sociedade e nos que é preciso redefinir o que vai ser o futuro. E ante isto, os xoves poden ter unha actitude contemplativa ou ben, como sucede no caso de Novas Xeracións, centrarse na reflexión sobre os problemas comúns e as posibles solucións”, manifestou o político redondelán, que agradeceu o “compromiso” das mocidades do Partido Popular “para que ninguén defina o voso futuro sen ter en conta as vosas opinións e as vosas necesidades”.
PUBLICIDADE
Pazos tamén quixo felicitar á organización pola nova celebración dunha Escola de Verán “que sempre me pareceu interesante e hoxe estimo que é imprescindible”, en referencia á necesidade de que os mozos se impliquen activamente na consecución dun necesario cambio en España.
Pola súa banda, o presidente provincial de NNXX, o tamén deputado Raúl Santamaría, deixou claro que o obxectivo desta actividade é principalmente “escoitar á xente moza” para afrontar nas mellores condicións “o reto dos distintos e decisivos procesos electorais que teremos o vindeiro ano”. Ademais, valorou esta iniciativa como “un gran intercambio de ideas para enriquecer o noso proxecto, que é o que queren e demandan a inmensa maioría dos mozos galegos”, e asegurou que a organización “está perfectamente preparada” para as eleccións municipais e xerais de 2027.
PUBLICIDADE
Santamaría, que foi precedido polo presidente de NNXX de Lalín, Javier Carballude, para dar a benvida á capital do Deza, lembrou os seus comezos en política nunha Escola de Verán similar celebrada en Vilanova e finalizou a súa alocución salientando a importancia de coñecer a historia “e non só a que a esquerda pretende impoñer, polo que creo que un dos actos máis simbólicos desta fin de semana será a proxección do documental sobre Miguel Ángel Blanco”.
Tras a inauguración, a iniciativa proseguiu cunha charla sobre redes sociais, unha mesa redonda sobre as preocupacións da mocidade, a citada emisión da peza sobre o edil de Ermua e a visita a unha explotación agrogandeira. Xa na xornada de hoxe, haberá dúas mesas de debate sobre os retos do municipalismo e o papel dos concelleiros xoves antes da clausura.








Comentarios