O servizo mantense nos mesmos termos no que foi adxudicado: 486.812 euros anuais para 21.898 horas de atención
Ecos da Comarca/O Pino
O Pleno da Corporación do Pino acordou este mércores por unanimidade prorrogar por unha anualidade o contrato do Servizo de Axuda no Fogar nos mesmos termos
nos que foi adxudicado o ano pasado. A empresa O Espertar Servicios Sociales SL seguirá
prestando o servizo por un montante de 486.812 euros para 21.898 horas de atención ao
ano.
O alcalde, Manuel Taboada, explicou que a Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de O
Pino outras 1.300 horas para o servizo de axuda no fogar. “Agora teremos que analizar se
se pode facer unha ampliación do contrato, para incorporar, a maiores, estas horas de
atención”. No contrato que se acaba de prorrogar, os prezos establecidos pola empresa adxudicataria son os seguintes: dependencia días hábiles e sábado 20,28 euros (IVE incluído) e domingos e festivos, 20,80 euros. Para libre concorrencia o prezo hora ofertado é de 21,45 euros (tamén con IVE).
Publicidade
Na sesión de onte tamén se deu conta da liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2023, que deixou un remanente positivo de tesourería de
774.302,16 euros.
Tamén por unanimidade, o Pleno aprobou propoñer unha modificación do PXOM para
cualificar unha parcela na parroquia de Arca como so urbano consolidado, dando así
cumprimento a unha sentencia do TSXG, que estimou o recurso presentado pola
propietaria de dita parcela.
Comments