top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O Pleno de Silleda aproba provisionalmente o PXOM

Nunha sesión clave da presente lexislatura, a aprobación do documento saíu adiante cos votos a favor de toda a Corporación, e ca ausencia da representante do BNG


Ecos da Comarca/Silleda

A Corporación de Silleda celebrou este martes nha sesión extraordinaria na que se deu o visto bo á aprobación provisional do ansiado PXOM, un documento que, en palabras do alcalde, Manuel Cuiña, “é a pedra angular do futuro deste municipio”. Cos votos a favor do goberno socialista e do Partido Popular –que non entrou a valorar cuestións técnicas- o documento saíu adiante sen a presenza da representante do BNG, que tampouco estivera presente na comisión informativa previa.


Unha vez realizado este trámite no Pleno, o documento será dilixenciado e enviado á Xunta de Galicia para a súa aprobación final. “Agardamos que dende a Dirección Xeral de Urbanismo e a Consellería de Medio Ambiente e Territorio, a quen agradecemos a boa disposición para resolver distintas cuestións técnicas nos últimos meses, poidan emitir o seu informe favorable no prazo establecido de tres meses”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Na sesión estiveron presentes os técnicos redactores do planeamento, da firma Alfonso Botana S.L. (Alfonso Botana e Beatriz García), así como o membros do departamento municipal de Urbanismo. “Quero agradecer especialmente ao arquitecto municipal, Lino Doporto e ao director da firma Alfonso Botana o seu esforzo nos últimos meses para que hoxe esta aprobación sexa unha realidade”, indica o alcalde.


Obxectivos do Plan Xeral

O documento aprobado ten por obxectivo principal favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, elevando así a calidade de vida e cohesión social da poboación, e sempre tendo como prioridade a potenciación do patrimonio natural e cultural existente.


Partindo deste obxectivo principal, o documento incorpora solucións que van a permitir :

  • Frear a dispersión das edificacións potenciando o actual sistema de núcleos, fomentando a conservación das súas zonas orixinarias.

  • Fomentar os desenvolvementos urbanísticos en zonas colindantes ás áreas xa consolidadas, para evitar crecementos anárquicos e dispersos.

  • Conseguir unha estrutura territorial axeitada para evitar os déficits en infraestruturas, tanto viarias como de servizos e dotacións públicas de carácter xeral.

  • Defender e preservar os valores naturais e culturais do territorio.

  • Completar as estruturas urbanas conservando e recuperando o patrimonio construido equilibrando as densidades urbanas e cubrindo os déficits de dotacións públicas.

O PXOM de Silleda en datos

O PXOM tamén potenciará a zona norte do núcleo de Silleda como espazo ligado a usos terciarios, e a zona este como espazo ligado a usos industriais. Os núcleos urbanos tenderán a medrar con dotacións tanto de equipamento coma de espazos libres e zonas verdes, así coma con servizos urbanísticos. Con isto pretendese acadar un desenvolvemento sostible e un incremento da calidade de vida da poboación.


Os solos destinados a usos industriais son os denominados SUD-I1, SUD-I2 e SUD-I3, ubicados respectivamente en A Mera –onde está o parque empresarial Área 33- , en Chapa e en Siador para regularizar industrias existentes. En todo caso os crecementos industriais concentranse ao redor do solos urbano de Silleda facilitando as comunicacións e a dotación de servizos urbanísticos.


Novas vivendas

Con este documento contémplanse 5.268 novas vivendas, das que 3.578 estarán en solo urbano, 359 en solo urbanizable e no rural, poderán contruirse , máis de 1.300 vivendas, ademais de rehabilitarse ou ampliarse as existentes. Destacar tamén que neste documento se recollen un total de máis de sete millóns de metros cadrados de solo de núcleo rural.


Zonas verdes

Con este planeamento, deséñanse zonas verdes en 236.742,22 metros cuadrados, dos que o 70% corresponden a novas zonas (163.848 metros cadrados). Destacar que o estándar que fixa a Lei para zonas verdes é dun 15% da superficie edificable total, e neste documento se acada o 19,51%.


Equipamentos

Xéranse 42.678 metros cadrados novos de equipamentos, acadando así un total de 152.602 metros cadrados. Neste caso o estándar establecido por Lei é dun 5%, e do documento supera o doble (10,16%).


Elementos catalogados

O PXOM recolle 1.195 elementos catalagodos, dos que destacan 209 xacementos arqueolóxicos e 513 hórreos con valores catalogados.

O documento tamén establece en fichas específicas para recoller os elementos diferenciáis do Camiño de Santiago e Camiño Real .


Histórico do proceso

A tramitación do PXOM iniciouse no ano 1997, estando aínda en vigor a derogada lei do solo dese ano. Cando entrou en vigor a nova Lei do solo de 2002, houbo que redeseñar todo o documento para poder aprobalo no periodo de adaptación da Lei fixado en catro anos. Mais o goberno popular no seu momento decidiu paralizalo, ca excusa de que a súa aprobación suporía a paralización de licenzas nos cascos urbanos. Logo dese periodo de adaptación da nova Lei, xa no ano 2006, , faise obrigatorio a avaliación ambiental dos planeamentos, co que se complica moito a tramitación.


Ca chegada do goberno socialista, no ano 2007 reactivase a redacción do PXOM de Silleda, adaptando definitivamente a Lei do Solo e aprobando a avaliación ambiental.

Un traballo que concluiu ca aprobación inicial do documento o 18 de decembro de 2012.

A partir deste momento traballouse nunha exposición pública que foi calificada de “modélica e exemplar”, percorrendo todas as parroquias do municipio e explicando que é un PXOM e o seu contido.

Tamén se resolveron as 783 alegacións presentadas no seu día e o 18 de marzo de 2016, antes da entrada en vigor da nova Lei do Solo, o PXOM aprobouse provisionalmente no Pleno de Silleda, cos votos a favor do goberno socialista e o BNG, e a abstención do PP.

A Xunta de Galicia emitiu un informe de denegación de aprobación definitiva a finais de decembro de 2018, por ser necesarias unha serie de correcións, sobre todo vinculadas a cuestións de Patrimonio e á sentenzas do Tribunal Supremo que anularon os planeamentos de Verín e Monterrei por non garantir suficientes recursos hídricos.


Estas últimas cuestións, que afectaron a outros Concellos, complicaron o que sería unha tramitación habitual, tendo en conta tamén os retrasos nos informes preceptivos de distintas Administracións. Nos últimos meses conseguiuse a inscrición das dúas traídas municipais, que abastecen a máis do 70 por cento da poboación do municipio.

0 comentarios

Opmerkingen


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page