top of page

O Pleno de Melide aproba inicialmente as ordenanzas fiscais da auga e os residuos

O Pleno municipal aproba tamén un suplemento de crédito que reforzará a solvencia no pagamento a provedores e aborda a situación do CEIP da Martagona


Ecos da Comarca/Melide

O Pleno ordinario de Melide celebrado na tarde do 7 de outubro aprobou un suplemento de crédito que permita manter "a destacada solvencia económica no pagamento a provedores". Do mesmo xeito, aprobáronse de forma inicial as reformas nas ordenanzas fiscais das taxas de recollida e xestión de residuos e de subministración da auga. No primeiro caso, o Concello está obrigado a repercutir o custo do servizo polas normativas autonómica e estatal.


O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, lembrou durante o debate da modificación orzamentaria como suplemento de crédito que o Concello de Melide acadou un alto grao

de execución orzamentaria e pretende, con esta modificación, manter uns “niveis de

pagamento a provedores áxiles e rápidos”, para o cal “faise necesario dotar as partidas

orzamentarias máis deficientes de maiores recursos”. “A solvencia económica deste

Concello está garantida”, engadiu, lembrando que a data de hoxe o remanente de

tesourería municipal é de case catro millóns de euros. Igualmente, o edil lembrou que esta

modificación orzamentaria busca cumprir co recollido no Plan de Estabilidade Financeira

recentemente aprobado no Concello. Do mesmo modo, lembrou que Melide é o terceiro

dos concellos da súa área xeográfica con menor número de facturas pendentes.

ree

Logo do debate sobre este punto procedeuse á votación, onde foi aprobado o suplemento

de crédito cos votos positivos dos grupos municipais de Adiante Melide, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista, e o voto en contra do grupo municipal do Partido

Popular.


No seguinte punto da orde do día debateuse sobre a aprobación dunha nova ordenanza

fiscal que regule a taxa de servizo de xestión de residuos municipais, de acordo coas

obrigas derivadas da Lei 7/2022 de Residuos e Solos Contaminados aprobada no

Congreso dos Deputados e da Lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminados de Galicia

aprobada no Parlamento de Galicia. O edil Xosé Igrexas recordou que existe a obriga de

trasladar este custo e que o Concello de Melide optou por unha implantación gradual para

reducir o impacto sobre a veciñanza. Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Pérez

Penas, sinalou a Sogama como responsable dunha suba de custos “abusiva e

desproporcionada” que non repercutirá nunha extensión de servizos. “Se Sogama se fai

cargo de todos os residuos, como debería, sen repercutirllo aos melidenses, nós

eliminariamos inmediatamente a taxa”, afirmou.


A ordenanza fiscal foi finalmente aprobada cos votos positivos de Adiante Melide, BNG e

PSD-G/PSOE, votando en contra neste punto o grupo municipal do PP.


O Pleno tamén considerou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de

subministración de auga, en cumprimento co contrato e a suba do IBI. Este punto foi aprobado sen debate, coa abstención do Partido Popular e o voto afirmativo do resto de

grupos.


Os seguintes dous puntos referíronse á dación de contas de decretos da alcaldía. No

último punto debatéronse varias mocións de urxencia. A primeira delas insta á Consellería

de Cultura da Xunta de Galicia a modificar o proxecto de rehabilitación da igrexa de San

Pedro eliminando as obras de revocado e branqueado das paredes exteriores do

Convento de Sancti Spiritus, destinando o importe a outras intervencións de restauración

deste espazo. A Concelleira de Cultura, Ana Mosteiro, defendeu a moción considerando o

desafortunado impacto visual e sobre o patrimonio artístico e histórico da zona, en

concordancia coa alerta lanzada tamén polo Museo da Terra de Melide.


José Manuel Pérez sinalou sobre esta moción que a igrexa de San Pedro é “un símbolo

de Melide” e instou a buscar a solución menos lesiva co edificio e a contorna. O rexedor

lamentou "a deslealdade institucional da Xunta de Galicia por programar unha visita do

conselleiro á igrexa arredor desta reforma sen cursar convite nin aviso ao Concello de

Melide nin ao propio alcalde como representante do mesmo".


A moción foi aprobada cos votos positivos de Adiante Melide, BNG e Partido Socialista, e

a abstención do Partido Popular.


A seguinte moción debatida foi presentada polo Partido Popular, instando á Deputación da

Coruña a actuar urxentemente na vía DP-4603 ao seu paso por Santa María. Os populares

sinalan que o estado desta estrada supón unha ameaza á seguridade de veciños e

peregrinos. A moción foi aprobada de xeito unánime.


A última moción debatida no Pleno, presentada tamén polo Partido Popular, instaba ao

Concello a solicitar á Consellería de Educación un convenio de cofinanciamento para

reparar o peche do colexio da Martagona e un plan de actuación nos centros educativos

locais. A moción decaeu co voto negativo de Adiante Melide, BNG e PSdG-PSOE.

Durante o debate, o alcalde, José Manuel Pérez, conminou á Xunta de Galicia a non

“derivar a súa falta de xestión noutras administracións”. “Ese peche é do ano 1983, a súa

vida últil finalizou, non hai mantemento posible polo que a súa substitución correspóndelle

á consellería de educación”.


Tras o pleno, o PP de Melide enviou unha nota de prensa sobre a situación deste centro educativo. Os populares insisten: "Cómpre recordar que o mantemento e conservación dos centros, tamén dos peches perimetrais, é competencia dos Concellos. Malia isto, dende o PP de Melide puxémonos en contacto coa Consellería de Educación, cuxos responsables se comprometeron a cofinanciar ao 50% xunto co Concello a obra de reparación e substitución íntegra do peche, sempre e cando o Concello, como responsable do mantemento, sexa quen solicite o convenio de colaboración".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con todo, sinala, "o tripartito formado por AM, BNG e PSdG votou en contra de dita moción e limitouse a acusar á Xunta das deficiencias que ten o colexio, malia ser competencia municipal o mantemento do mesmo, así como a cargar contra a dirección do propio

centro. Nin un só comentario de autocrítica sobre a falla de mantemento do goberno

local durante todo este tempo, logo de xa seis anos gobernando".


Dende o PP de Melide consideran que "a obsesión do alcalde e do seu goberno por culpar á Xunta de todo o que vai mal é moi pouco produtiva": “É lamentable que cando ten enriba da mesa a proposta da Consellería para cofinanciar a obra de substitución do peche, o alcalde prefira non solicitar o convenio para poder seguir facendo política en contra da Xunta, aínda que esto implique que os nenos e nenas do colexio volvan a saír perxudicados”, sinalan.


O grupo popular apunta que "seguirá estando a disposición das familias afectadas, traballando ao carón da Consellería de Educación para buscar unha solución firme a esta situación, ao tempo que esixiremos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade, adopte unha solución inmediata e se preocupe polo mantemento deste e dos demais centros educativos de Melide".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page