O BNG insta a Xunta a arranxar as vías de servizo da estrada PO-533 dende Lalín ao Alto do Faro
- ecosdacomarca
- 13 mar
- 2 Min. de lectura
Ademais pide que retire a ponte levadiza das Tecedeiras e proceda á limpeza das marxes das vías
Ecos da Comarca/Deza
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da
deputada lalinense Ariadna Fernández González e do deputado Luis Bará Torres, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 2ª, sobre as vías de servizo da PO-533.

"As vías de servizo da estrada de titularidade autonómica PO 533 Lalín-Alto do Faro, dan servizo aos concellos dezaos de Lalín, Dozón e Rodeiro e teñen como obxecto derivar os vehículos pesados para evitar atascos e posibles incidencias derivadas deste tipo de tráfico pesado, por motivos de visibilidade ou pola reducida velocidade á que circulan.
Os concellos citados, en concreto nesa zona que atravesa a estrada PO 533, teñen unha elevada carga de circulación de vehículos para uso agrícola coma tractores, ensiladoras ou camións, pola existencia de grande número de explotacións gandeiras da zona, polo que estas vías de servizo son de elevado uso", explican.
Publicidade
"O amaño destas vías de servizo, que xa se ten solicitado por parte dos concellos afectados sen resultado algún en pasados anos, onde os mandatos dos tres municipios
eran ostentados por alcaldes do PP, é necesaria dado o estado de deterioro no que se atopan. É preciso proceder a limpar as cunetas e refacer o firme en profundidade, ancheando ambas as dúas partes da vía, garantindo que poidan ser usadas pola
maquinaria coa que agora se traballa no sector agrogandeiro, que non ten características
semellantes á utilizada con anterioridade e para a que non foron creadas estas vías, que
soportan 20 toneladas", apuntan.
Nesa mesma vía PO-533, á altura das Tecedeiras, sinalan que "é precisa a retirada dunha ponte levadiza que está en desuso por falla de acceso á ela e a súa invasión por a matogueira que non se evita, sendo posible evitar incidencias de ser eliminado dito elemento".
Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non
de lei para o debate na Comisión 2ª:
“O parlamento insta a Xunta a levar a cabo o arranxo integral das vías de servizo da estrada PO-533 dende Lalín ao Alto do Faro, retirando a ponte levadiza das Tecedeiras e procedendo á limpeza das marxes das vías”.
Comments