O Pino conmemora o 25N cunha programación centrada na igualdade e na corresponsabilidade
O programa inclúe actividades para familias, formación para alumnado de secundaria e dúas representacións teatrais para escolares dentro do Outono Teatral
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino desenvolve estes días varias iniciativas con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, co obxectivo de reforzar a concienciación social, promover relacións baseadas no respecto e na igualdade e implicar a veciñanza na prevención das violencias machistas. A campaña municipal deste ano ten como mensaxe central O Concello de O Pino libre de violencias machistas. Compromiso de todas e todos, que estará presente en rúas e negocios do municipio a través da cartelería deseñada para esta conmemoración.
A programación comezará o sábado 21 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas, coa Xornada de Familias Igualitarias Corresponsables, que terá lugar na Casa da Cultura. A proposta está concibida como un espazo de encontro, diálogo e intercambio de experiencias para fomentar o pensamento crítico, a igualdade nas relacións e a corresponsabilidade no fogar das familias con menores.

Ao longo da mañá desenvolveranse xogos familiares, propostas creativas e dinámicas arredor da coeducación, a masculinidade, os estereotipos de xénero, as emocións, a
publicidade non sexista, a resolución de conflitos e o traballo en equipo. A actividade,
cofinanciada polo Ministerio de Igualdade e pola Xunta de Galicia, culminará coa
elaboración conxunta dun manifesto de familias igualitarias.
O luns 23 de novembro, entre as 12:00 e as 14:00 horas, o alumnado de 2º de ESO do CPI
Camiño de Santiago participará no taller formativo Conectad@s, unha iniciativa da Rede
Galega de Concellos que aborda as novas formas de relación entre a mocidade desde un
modelo afectivo baseado nos coidados e no bo trato. A sesión prestará tamén atención aos
riscos asociados ás novas tecnoloxías e á prevención de novas formas de captación sexual entre menores.
Teatro para escolares arredor do 25N
A programación complétase con dúas funcións incluídas no Outono Teatral, organizadas
para o alumnado do CPI Camiño de Santiago e vinculadas tamén á conmemoración do 25N.
PUBLICIDADE
O venres 20 de novembro, ás 12:30 horas, Pablísimo presentará Príncipas e princesos ao
alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria. A proposta utiliza os contos para cuestionar os roles tradicionais, presentando princesas que se enfrontan a
dragóns e príncipes que realizan tarefas domésticas, e achegando así unha reflexión
adaptada ás idades máis pequenas sobre igualdade e corresponsabilidade.
Pola súa parte, o mércores 25 de novembro, ás 13:00 horas, Bengala Teatro Físico
representará Alicia Wants To para o alumnado da ESO. A obra presenta a historia dunha
adolescente que abandona un centro de menores e se reencontra coa súa nai nun contexto marcado pola exclusión social e os abusos. A través dunha partida de xadrez, o público poderá participar no desenvolvemento da historia votando algunhas das decisións ás que se enfronta a protagonista. O Outono Teatral está organizado polo Concello do Pino e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e do Circuíto en Igualdade.
PUBLICIDADE
Con esta programación, o Concello do Pino reafirma o seu compromiso coa prevención das violencias machistas e coa educación en igualdade desde idades temperás, promovendo espazos de reflexión e participación tanto entre a mocidade como nas familias e no conxunto da sociedade.









Comentarios