top of page

O palense Marcial Barral recibe o Premio Osíxeno de Honra 2024-2025 de Adega

O Dioxina Individual 2024-2025 foi para Alfonso Rueda, presidente da Xunta


Ecos da Comarca/Palas de Rei

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) escolle a súa 50ª Asemblea Xeral de socias e socios para entregar os Premios Osíxeno e Dioxina 2024-2025. Estes galardóns premian aquelas persoas e entidades que tiveron un comportamento destacado na defensa do medio ambiente galego (premios osíxeno) e aqueloutros que, pola contra, contribuíron á súa destrución ou demostraron unha actitude contraria á preservación do patrimonio natural ou cultural (premios dioxina). Ao tempo, recoñece a traxectoria vital na defensa da terra dalgunha persoa ou entidade particular (Osíxeno de Honra) que, este ano, recae no palense Marcial Barral Vasques da Eira da Xoana de Ramil (Agolada).

Premio Osíxeno de Honra 2024-2025: Marcial Barral Vasques

A actual directiva de ADEGA decidiu outorgar desta volta o premio Osíxeno de Honra a un membro histórico da organización: Marcial Barral Vasques. Desde finais dos anos 90, Marcial converteuse nun activista de referencia na defensa do río Ulla e da comarca da Ulloa. Hai máis de 25 anos, encabezou, xunto con outras veciñas e veciños do Alto Ulla, a loita contra a construción de 13 novas minicentrais hidroeléctricas no río Ulla, promovidas daquela por Unión Fenosa, titular do encoro de Portodemouros. O seu activismo na defensa do río Ulla segue hoxe máis vixente que nunca, en particular, contra da macrocelulosa de Altri, como veciño de Palas, membro da Plataforma Ulloa Viva, de ADEGA e da Fundación Eira. Mais a súa vontade activista atinxe a todos os campos do ecoloxismo galego, entre os que destacan a defensa do bosque autóctono, dos saberes e tradicións populares, do rural en toda a súa expansión, e do patrimonio cultural, incluída a lingua propia, a que coida con especial agarimo. É membro do Padroado da Fundación Eira, fiel gardián da Eira da Xoana e un compañeiro de loita imprescindíbel.


Osíxeno Individual 2024-2025: Noemí Vázquez Nogueiras

O premio osíxeno individual de ADEGA recae tamén nunha persoa con fondas raíces no rural: Noemí Vázquez Nogueiras, rexente da Arca da Noe. Este espazo de dinamización cultural, situado en Vilar de Santos, na comarca da Limia, fixo dez anos en 2024 e considérase hoxe en día un dos principais centros culturais de referencia de todo o país e fóra del, e o único con tres premios Martín Códax da música. ADEGA quere recoñecer así o papel de Noemí, promotora do proxecto, como dinamizadora da actividade cultural no rural, tecedora de redes artísticas e musicais, embaixadora do produto e da artesanía local e creadora de encontros interxeracionais. A Arca da Noe vai máis alá dun simple proxecto cultural, é un futuro alcanzábel, unha utopía acadada, un exemplo de vida, a ousadía de querer e conseguir proxectar cara ao mundo o mellor que temos e o que somos desde este humilde pero grande espazo, nun recuncho da Limia.


Osíxeno Colectivo 2024-2025: Asociación Veciñal das Conchas

A asociación de veciñas e veciños das Conchas, grazas á súa iniciativa, tesón e constancia, acadou unha sentenza histórica que recoñece que a contaminación do encoro das Conchas vulnerou e vulnera dereitos fundamentais, como “o dereito á vida, o dereito á intimidade e á inviolabilidade do domicilio, e o dereito á propiedade vinculado á auga, todos eles en relación co dereito a un medio ambiente saudable”. Este fallo do TSXG, derivado da demanda presentada polas veciñas das Conchas, condena a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reparar o dano ambiental o e a indemnizar á veciñanza por “non poñer remedio algún” pese a estar obrigadas e a coñecer a situación de contaminación por nitratos, toxinas e cianobacterias do encoro das Conchas procedente dos vertidos de puríns de centos de granxas da comarca limiá.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Dioxina Individual 2024-2025: Alfonso Rueda, presidente da Xunta

ADEGA outorga o premio dioxina individual ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "por querer minimizar o impacto da peor vaga de incendios forestais do que vai de século, e por desprezar o valor ecolóxico da superficie ardida. Nunhas declaracións públicas chegou a dicir que “a maior parte da superficie ardida foron pedras e mato”, tratando de restarlle importancia aos efectos devastadores dos lumes deste ano, que superaron as 150.000 hectáreas, das que máis de 38.000 ha atinxiron a espazos naturais protexidos. Con estas palabras, Rueda deixa en evidencia o seu desprezo pola contorna natural e/ou a súa falta de coñecemento sobre as funcións destes ecosistemas que son esenciais para a vida e para afrontar a crise climática. Ademais de acoller hábitats de especial protección, as matogueiras e queirogais son grandes refuxios de biodiversidade, son refuxio de fauna e flora ameazadas e en perigo de extinción e especies endémicas, protexen o solo, reteñen CO2 e preservan a auga, de xeito que contribúen de forma especial a loitar contra o cambio climático. A perda de tan ampla superficie de matogueira por mor dos lumes forestais constitúe unha catástrofe ecolóxica sen precedentes e déixanos nunha situación de elevada vulnerabilidade fronte a procesos erosivos e de perda de biodiversidade".


Dioxina Colectivo 2024-2025: Consellaría de Educación da Xunta de Galiza

O premio dioxina colectivo 2024-2025 de ADEGA vai dirixido aos dirixentes políticos da Consellaría de Educación, "que desde este curso 2025-2026, pretenden aplicar o principio da “neutralidade ideolóxica” nos centros de ensino para toda as actividades complementarias. Supostamente, esta medida trata de garantir o respecto ideolóxico e a convivencia dentro da comunidade escolar galega, porén, o que enmascara é unha intención clara de censurar e usurpar do debate na comunidade escolar aqueles temas de interese público que poidan contrariar ou poñer en cuestión o discurso ou a conduta do PP no goberno, como é o caso da macrocelulosa de Altri ou o xenocidio de Gaza. A Consellaría de Educación pretende utilizar a inspección educativa para facer control ideolóxico nas aulas e censurar aquelas colaboracións externas que non sexan do agrado do partido que goberna na Xunta, vulnerando as liberdades democráticas fundamentais e pasando por riba da oposición da comunidade educativa.ADEGA apela por unha Educación que favoreza os principios democráticos, as liberdades persoais, o espírito crítico, a responsabilidade e corresponsabilidade, a solidariedade, a tolerancia, igualdade e o respecto pola xustiza e o medio ambiente".


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Acto de entrega

Os galardóns foron entregados onte no Quiosoco Afonso da Coruña no decurso da 50ª Asemblea Xeral de ADEGA. As persoas e colectivos premiados recibiron unha figura en escultura elaborada polo artista galego Nacho Porto.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page