O nacionalista Francisco Vilariño renuncia a súa acta de concelleiro en Lalín
- ecosdacomarca

- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Ocupará o seu posto Mari Fernández Sanmartín, quen será a candidata á Alcaldía do BNG de Lalín nos vindeiros comicios municipais
Ecos da Comarca/Lalín
O Consello Local do BNG de Lalín, reunido o luns 23 de marzo, someteu a debate a proposta presentada polo seu portavoz municipal, Francisco Vilariño, de presentar a renuncia a seguir formando parte da corporación municipal e así favorecer unha renovación completa do Grupo Municipal para preparar as eleccións municipais de 2027 nas mellores condicións.
Esta proposta, formulada por Vilariño e aprobada polo Consello Local, conlevará que tome
posesión como nova concelleira a que será a candidata polo BNG, aprobada por
unanimidade da Asemblea Local, Mari Fernández Sanmartín. Desta forma, a partir do pleno do mes de abril tomarán posesión Mari Fernández e Manuel Carbón, e así o grupo municipal estará a pleno funcionamento xusto o último ano antes das eleccións municipais.

Con este movemento o BNG busca que se visualice un novo tempo e un novo equipo
municipal que, co apoio do Consello Local e do conxunto do BNG de Lalín, vai presentar un proxecto político e un programa alternativo ao PP co obxectivo de asumir o liderado na
corporación municipal e que dea pé a unha nova maioría alternativa ao actual goberno
municipal. Resta un ano enteiro para mostrar a excelente capacidade de Mari Carme
Fernández como candidata á alcaldía de Lalín.
O Consello Local quere expresar dunha forma enérxica a enorme gratitude ao labor que
desempeñou Francisco Vilariño, "sen o seu brillante bo facer, comprobado en labores de
goberno e oposición, sen a súa capacidade de interlocución coa veciñanza do concello, sería impensábel que deixara unha organización como o BNG forte, cohesionada e sólida,
implantada territorialmente, e con capacidade de aspirar a calquera meta que se propoña".
Publicidade
"O compañeiro Vilariño, xa como membro do Consello Local, seguirá a achegar toda a súa
bagaxe de coñecementos e experiencia para propiciar os mellores resultados electorais nas vindeiras eleccións municipais", engade o Bloque.
Francisco Vilariño expresou no Consello Local o agradecemento ao conxunto do BNG de
Lalín por contar sempre co seu apoio "sen o cal non tería sido posíbel chegar ata hoxe cunha organización robusta, socialmente activa e atenta a todas as problemáticas que xorden para darlle a resposta institucional precisa". Vilariño indicou tamén que pecha así unha etapa ao deixar a corporación e que se sitúa como militante de base do BNG para, xunto a todas as compañeiras e os compañeiros do BNG, dar soporte á nova candidata.
PUBLICIDADE
"O Consello Local non pode máis que parabenizar a Vilariño e tamén a Fernández Sanmartín, por lograr facer deste relevo no grupo municipal, traballado en común, unha oportunidade para que o BNG saia xa reforzado de cara ás eleccións de dentro dun ano".








Comentarios