O Ministerio "bloquea a fibra en Dozón" e esixe traducións ao castelán para atender á veciñanza
O Goberno devolve agora unha reclamación colectiva dos veciños por estar en
galego, dándolles 10 días para traducila baixo ameaza de arquivar o caso
Ecos da Comarca/Dozón
Mario Vila López, veciño de Dozón, xunto a un colectivo de veciños do municipio, denuncia publicamente o "vía crucis administrativo e a discriminación lingüística que están a sufrir por parte da Secretaría de Estado de Telecomunicacións. O que comezou en 2021 como unha reclamación por un contrato incumprido de fibra óptica derivou nun escándalo de indefensión e trabas idiomáticas", recalcan.

Cronoloxía dun engano
En setembro de 2021, Mario Vila contratou con Telefónica 600 Mb de fibra. "Malia que a operadora ofertaba o servizo, nunca o instalou, ofrecendo como alternativa unha conexión por radio de baixa calidade". Tras reclamar ante o Ministerio, a Administración resolveu en contra do veciño nunha resolución que contiña un erro de vulto: afirmaba que o usuario
non presentara alegacións, cando estas foron rexistradas en tempo e forma.
Publicidade
"O Goberno resolveu o meu caso sen ler as miñas probas e dándolle a razón á operadora por defecto", explica Vila. A día de hoxe, o recurso de reposición presentado para emendar este erro segue sen resposta, nun claro exemplo de silencio administrativo.
O galego como barreira para internet
Ante o bloqueo individual, a finais de 2025 iniciouse unha petición veciñal conxunta. A resposta do Ministerio foi, de novo, burocrática: "devolveu o escrito por estar redactado en galego. O Goberno central esixe agora aos veciños que sexan eles quen asuman a tradución ao castelán nun prazo de 10 días se non queren que a súa reclamación sexa enviada ao arquivo", explican.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Malia que a Lei 39/2015 obriga á Administración instrutora a realizar as traducións cando o
cidadán exerce o seu dereito dende unha comunidade con lingua cooficial, o Ministerio optou por trasladar a carga aos veciños de Dozón.
"Cidadáns de segunda"
"Non só nos deixan sen fibra, o que nos impide teletraballar ou estudar en igualdade, senón que nos din que para ser escoitados en Madrid temos que renunciar á nosa lingua", denuncian os afectados. Os veciños consideran que se trata "dunha estratexia para protexer a Telefónica de cumprir cos seus compromisos de investimento no rural galego".
Publicidade
Os veciños de Dozón xa anunciaron que presentarán a tradución "baixo protesta" para non
perder os seus dereitos, pero esixen unha rectificación inmediata do Ministerio e que se obrigue de xeito efectivo á operadora a despregar a tecnoloxía FTTH (fibra) comprometida dende hai catro anos.









Comentarios