Laura Moure/Vila de Cruces
A pandemia estanos obrigando a quedarnos na casa e ademais, os peches perimetrais fan que non nos poidamos mover do noso municipio. Sen embargo, non fai falta irnos moi lonxe para desfrutar de grandes marabillas ao noso redor. En calquera recuncho da nosa comunidade podemos presumir de fermosas mostras do Patrimonio.
Na parroquia cruceña de Merza, a escasos metros da área recreativa de A Carixa, sobre o río Deza, atópanse os restos dunha ponte de pedra dun só arco. O arco que hoxe vemos é a obra inacabada de Manuel Sueiro Ramos que data do ano 1928, que posiblemente intentara reconstruír o anterior medieval que levou unha riada. Cabe recordar que a principios do século pasado usouse para unir as parroquias de Martixe, en Silleda, e a de Merza, en Vila de Cruces. No ano 2017 levouse a cabo un proceso de rehabilitación de conservación e reparación deste arco.
Río Deza
Se se sae a camiñar por Merza ademais de poder observar este elemento arquitectónico nestes días tamén quedará impresionado coa forza e a cantidade de auga que leva o río Deza ao seu paso por aquí. Como de momento non podemos achegarnos a gozar desta paraxe ECOS DA COMARCA déixavos este vídeo.
Vídeo: Ecos da Comarca
Comments