O BNG reclama ao Goberno local unha xestión dos residuos á altura das necesidades de Vila de Cruces
Denuncia "o mal estado de numerosos colectores, a falta de contedores para a recollida selectiva e reclaman unha limpeza profunda da rede tras un verán de altas temperaturas"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces denuncia "o abandono que sofre a xestión dos residuos por parte do Goberno de Luis Taboada" e reclama unha actuación inmediata para poñer fin "ao deterioro dos colectores, á falta de puntos de recollida selectiva e á ausencia dunha verdadeira política municipal de prevención e reciclaxe".

Os nacionalistas lembran que levaron en varias ocasións ao Pleno a necesidade de mellorar a distribución dos contedores e facilitar a separación dos residuos, "sen que o Goberno municipal dea unha resposta á altura das necesidades. Na vila existen rúas nas que non hai contedores específicos para vidro ou papel e cartón, mentres continúan instalados colectores rotos, sen tapas ou en condicións deficientes", recalca.
O BNG denuncia ademais que esta situación se reproduce e mesmo empeora nas parroquias, "onde se poden atopar colectores sen rodas, sen tapas, deteriorados e sen unha limpeza adecuada". “Se nas Cruces a situación xa é lamentable, nas parroquias o abandono é aínda maior. Hai veciños que pagan os mesmos impostos ca no centro da vila e teñen dereito ao mesmo nivel de servizo”, sinala Fiúza.
PUBLICIDADE
O BNG considera que a xestión dos residuos debería ser unha prioridade tanto ambiental como económica para un concello rural. E apunta que a propia Sogama sinala que a compostaxe doméstica permite reducir a cantidade de residuos que chega ao contedor xenérico e, polo tanto, as toneladas que os concellos entregan para o seu tratamento.
Neste sentido, os nacionalistas lembran que Vila de Cruces xa recibiu este ano 50 composteiros de Sogama, destinados a outras tantas familias, polo que reclaman ampliar
esta iniciativa e aproveitar todos os recursos dispoñibles. “O Concello xa ten unha ferramenta gratuíta que permite reducir residuos e custos: o que falta é vontade política para ampliala e facer unha política seria de prevención e reciclaxe”, apunta o portavoz nacionalista.
PUBLICIDADE
Reclaman así ao Goberno municipal unha limpeza profunda e inmediata dos colectores, a
substitución dos que se atopan deteriorados, unha revisión completa da distribución dos
contedores de recollida selectiva e a ampliación do programa de compostaxe doméstica ás parroquias. “Xestionar os residuos non consiste en esperar a que o lixo desapareza dos colectores. Consiste en planificar, manter os servizos e reducir na orixe o que custa cartos aos veciños. E niso o Goberno de Taboada leva demasiado tempo sen estar á altura”, conclúe Álex Fiúza.









Comentarios