O BNG de Agolada alerta do impacto da explotación de 365.500 galiñas e reclama unha avaliación
A formación cuestiona o impacto sobre a auga, os solos e o tecido agrario e pide coñecer cantos empregos e retorno económico terá realmente para o municipio
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada reclama que a tramitación da nova explotación avícola prevista en Leira Nova valore de maneira global os seusefectos ambientais, territoriais e socioeconómicos. O proxecto contempla unha instalación para 365.500 galiñas poñedoras, catro naves, centro de clasificación e envasado de ovos e instalacións auxiliares. Prevé unha ocupación duns 53.000 m2 e máis de 14.000 m² construídos, configurando unha instalación de gran escala nun territorio eminentemente rural. Para o BNG, a dimensión do proxecto obriga a analizar algo máis que o cumprimento das distancias mínimas respecto das vivendas.

Un dos aspectos que máis preocupa á formación nacionalista é o consumo de auga. Segundo o estudo, a explotación necesitaría aproximadamente 65.845 m³ ao ano,
arredor de 180.000 litros diarios, mediante unha captación situada na propia parcela. Para o BNG, a cuestión fundamental non é simplemente saber onde se vai situar o pozo, senón se a extracción prevista é sostible a longo prazo e que consecuencias pode ter sobre o sistema hidroxeolóxico da zona. A formación reclama que se analicen a capacidade de recarga do acuífero, as captacións existentes na contorna, a variación estacional e un escenario específico de seca. “Queremos saber que pasa co pozo dun veciño se baixa o nivel freático, que pasa coas fontes e captacións da contorna e que pasa nun ano de seca”, sinala Susana Tato, portavoz do BNG de Agolada.
O BNG chama a atención sobre unha cuestión que considera insuficientemente cuantificada: a mobilidade asociada á explotación. "Debe terse en consideración o significativo impacto sobre a contorna e a poboación residente derivado do tráfico de
vehículos asociado ao funcionamento da explotación, tendo en conta os volumesanuais previstos de movemento de materiais e animais: 7.593 tn/ano de esterco,14.800 tn/ano de penso, 100 millóns de ovos/ano e 365.000 galiñas a repoñer cada ano e medio. Estes fluxos implican unha elevada intensidade e frecuencia de circulación, con presenza significativa de vehículos pesados, que pode ocasionar un incremento das emisións acústicas, molestias e alteracións na calidade de vida da veciñanza, así como un maior desgaste e deterioro da rede viaria local".
Ademais, o Bloque apunta que "o proxecto, que contempla a xeración máis de 7.000 tn/ano de esterco, non avalía adecuadamente os efectos acumulativos sobre a conca do Ulla, un territorio xa sometido a unha importante presión por nitratos procedentes da actividade gandeira intensiva". Tamén cuestiona a xestión das augas pluviais e das escorrentas, polo risco de contaminación dos regatos e masas de auga próximas, así como, que a totalidade dos residuos se confíe a xestor externo sen acreditar mediante contrato, o seu destino final e capacidade de tratamento deste xestor. Finalmente, advírtese do risco defiltracións e lixiviados procedentes das instalacións de almacenamento de esterco, especialmente ante episodios de precipitación intensa.
PUBLICIDADE
O BNG reclama, polo principio de precaución, unha avaliación ambiental máis rigorosa dos riscos para as augas e para a poboación.
Por outra banda, ao BNG chámalle a atención a coincidencia de novos proxectos intensivos repartidos en tres parroquias (Trabancas, Ventosa e Eidián) cunha produción total de case medio millón de cabezas (porcos, galiñas e polos) nestes momentos nos que está a punto de saír o estudo como zona vulnerable a nitratos o que implicaría unha moratoria na construción de máis granxas intensivas. "Este tipo de proxectos acabarían prexudicando ás pequenas granxas por todas as implicacións que poderían ocasionar a posteriori, no tocante a ter que cumprir novas obrigas que cheguen e no tocante ao peche de pequenas granxas", lamenta o partido nacionalista.
Finalmente, salienta que se trata dun proxecto "que incorpora un elevado nivel de mecanización e automatización en todo o proceso e fala de creación de postos de traballo sen cuantificalos o que nos fai temer que serán escasos. Non estamos cuestionando a importancia da gandería para o noso concello: todo o contrario. Precisamente porque a gandería é fundamental para manter vivo o rural, temos que preguntarnos que modelo queremos para Agolada e que consecuencias pode ter para o territorio a concentración de proxectos destas dimensións”, sinala Susana Tato.
PUBLICIDADE
O BNG xa levou esta cuestión ao último Pleno municipal. A portavoz, Susana Tato, preguntou ao alcalde agoladés que documentación e informes emitira o Concello sobre o
proxecto e se tiña previsto presentar observacións ou alegacións durante o período de
información pública, así como solicitar unha valoración técnica sobre o abastecemento de auga, a xestión da galiñaza, os olores, o tráfico pesado e a afección ás vivendas e aos cursos de auga próximos. "O alcalde, Óscar Val, respondeu que o Concello realizará un informe técnico sobre o proxecto e que, se procede á vista desa valoración, presentará alegacións", sinala Tato.
O BNG de Agolada continuará agora estudando en detalle toda a documentación do proxecto, recentemente sometida a información pública, co obxectivo de presentar as
alegacións que considere oportunas dentro do prazo establecido.“Estamos diante dun proxecto dunha dimensión enorme para Agolada e queremos estudalo con rigor. Imos revisar toda a documentación, contrastar os datos e presentar as alegacións que entendamos necesarias para defender os intereses da veciñanza e do noso territorio”, conclúe Susana Tato, portavoz do BNG de Agolada.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A Xunta tramita o proxecto dunha granxa de 365.500 galiñas poñedoras en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-tramita-o-proxecto-dunha-granxa-de-365-500-gali%C3%B1as-po%C3%B1edoras-en-agolada
O Sindicato Labrego Galego alegará contra a macrogranxa de 365.500 galiñas de Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-sindicato-labrego-galego-alegar%C3%A1-contra-a-macrogranxa-de-365-500-gali%C3%B1as-de-agolada









Comentarios