O lume que se iniciou na parroquia do Sexo e se foi propagando a máis, xa calcinou 400 hectáreas
- ecosdacomarca

- 16 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
Ás 13:26 horas de onte venres iniciouse o incendio forestal no concello de Agolada,
parroquia do Sexo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 400
hectáreas. Segundo os datos de Medio Rural, proporcionados hoxe a primeira hora da mañá, continúa activo.
Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa
proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Aínda que comezou no Sexo tamén se propagou a outras parroquias como A Baíña, Val, Agra, Berredo,... e tamén a zonas limítrofes co concello de Santiso. De feito, os Bombeiros de Arzúa estiveron protexendo vivendas tanto en Santiso, como noutro lume declarado en Boimorto.

Cabe mencionar que nas comarcas, onte seguía activo o lume de San Martiño de Oleiros (Toques), que quedou estabilizado a última hora da noite https://www.ecosdacomarca.com/post/estabilizado-o-lume-forestal-de-san-marti%C3%B1o-de-oleiros-toques?fbclid=IwY2xjawMNKTNleHRuA2FlbQIxMQABHuaGQwDcGXEO-rct2uOkPYENLzdos57erO04QjdFARkb2IeroSq8jCF-qh63_aem_oC2VIw_GHV_erXZUHnGfhw e tamén se orixinou outro en Antas de Ulla, na zona dos Carreiros.
Publicidade
No caso do incendio de O Sexo, que como dicimos afectou a varias parroquias de Agolada, e incluso de Santiso, Medio Rural afirma que para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 9 axentes, 16 brigadas, 20 motobombas, 2 pa, 2 helicópteros e 2 avións. Hai que facer mención especial tamén aos veciños que con tractores e cisternas e sen descanso traballaron arreo para combater o lume. Cabe mencionar que no Sexo ardeu un caseto, pero conseguiron salvar as vivendas do Sexo e granxas da Baíña.
Publicidade
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse na zona de O Sexo (Agolada), afectada por un lume. Púxose á disposición do alcalde, Luis Calvo, co que mantivo contacto permanente, así como do delegado territorial da Xunta, ao que ofreceu a máxima colaboración do Goberno de España nesta vaga de lumes e todos os medios que sexan necesarios.

Mantivo tamén contacto Garda Civil, seguindo de preto a evolución do lume, que continúa en nivel 2 e lanzou unha mensaxe de prudencia á cidadanía: seguir as indicacións dos servizos de emerxencia e evitar desprazamentos innecesarios ás zonas afectadas polos incendios. Agradeceu o traballo incansable dos servizos de emerxencia e extinción, así como das Forzas e Corpos de Seguridade, pola súa profesionalidade e compromiso na protección da poboación e do territorio.
Onte desprazámonos ao Sexo e falamos cunha veciña:
Vídeo deste lume na zona de Berredo:








Comentarios