O lume non entende de orzamentos
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
Artigo de opinión de Mario Vila, veciño de Dozón, sobre a resolución das axudas para a prevención de incendios forestais
Mario Vila/Dozón
Mario Vila envía este artigo de opinión titulado O lume non entende de orzamentos. O texto, tal e como resume o propio autor, analiza "as graves implicacións da recente resolución da Consellería do Medio Rural (DOG 16/02/2026) sobre as axudas de prevención de incendios, onde numerosas comunidades de montes quedaron fóra por un simple "esgotamento de crédito"".
Publicidade
O lume non entende de orzamentos
"A resolución das axudas para a prevención de incendios forestais (MR651A) publicada no DOG n° 31 é a acta dun fracaso institucional. Baixo a fría linguaxe administrativa do "esgotamento de crédito", a Consellería do Medio Rural admite que deixa sen protección a decenas de montes veciñais. O sistema de concorrencia competitiva trata a seguridade pública como un concurso de méritos: se non tes puntos abondo, o teu monte queda fóra.

Publicidade
Pero o lume non sabe de baremos. Unha rozadura non executada por falta de fondos nunha parroquia é o combustible que alimentará o incendio na lindeira que si tivo axuda. Esta política crea un mapa de "parches", un territorio fracturado onde a prevención é un privilexio e non un dereito. Mentres se destinan millóns á extinción espectacular —avións e videovixiancia en pleno agosto—, escatímase no mantemento invernal, que é onde realmente se gaña a batalla. Denegar proxectos técnicos válidos simplemente porque "acabaron os cartos" é unha falta de respecto ao esforzo das comunidades rurais e un exercicio de cinismo político.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Estamos financiando as lapas do futuro. A prevención debe ser unha estratexia integral e non un sorteo burocrático. Se Galiza quere deixar de arder, a protección do monte non pode depender de se sobra ou non algo de diñeiro nun caixón de San Caetano. Xogan co lume, e sairemos queimados".
Mario Vila, veciño de Dozón.








Comentarios