O intercambio con Brilon, en Alemania, consolídase en Silleda
- ecosdacomarca

- 18 sept
- 2 Min. de lectura
Cumpre o seu cuarto ano coñecendo Trasdeza da man do IES Pintor Colmeiro a través do programa Eduexchanges
Ecos da Comarca/Silleda

O alumnado do Berufskolleg de Brilon (Alemaña) repite un ano máis a súa estadía en Silleda co IES Pintor Colmeiro, un intercambio que forma parte do programa Eduexchanges que compara estilos de vida en contornas rurais e pon en valor o Camiño de Santiago no municipio. O grupo visitou onte a Casa do Concello de Silleda e foi recibido no Salón de Actos pola concelleira de Educación, Igualdade e Benestar, Ángela Troitiño, onde se destacou o papel das aprendizaxes internacionais para a xuventude e a proxección europea do municipio.
O programa Eduexchanges, impulsado pola Xunta de Galicia, promove o intercambio entre centros europeos. Trátase de mozos e mozas de 17 a 19 anos, con interese por coñecer outras culturas, costumes e maneiras de pensar.
PUBLICIDADE
A colaboración co centro alemán naceu en 2021 a través dun proxecto Erasmus arredor da situación de persoas refuxiadas e migrantes en diferentes países europeos. O proxecto prolongouse tres anos —un deles en formato en liña pola pandemia— en cooperación cun centro italiano, outro rumano e o instituto de Brilon. A partir desta experiencia, o contacto con Alemaña derivou en intercambios periódicos ao abeiro de Eduexchanges. Nesta ocasión, o profesorado repite participación e o alumnado é de nova incorporación, sendo xa a terceira visita a Silleda por parte do Berufskolleg.
O fío condutor do intercambio é comparar o modo de vida en Brilon e en Silleda, dous núcleos pequenos e rurais nos que o alumnado adoita desprazarse fóra para continuar estudos e onde se perciben diferenzas de servizos respecto das cidades. Este traballo conxunto permite identificar semellanzas e retos compartidos, así como boas prácticas para mellorar a calidade de vida e as oportunidades formativas no rural.
PUBLICIDADE
Durante a estadía, o grupo profundizará no Camiño de Santiago e hoxe, xoves, visitará a capital galega para coñecer de primeira man a súa historia.








Comentarios