top of page

O goberno local de Rodeiro acusa a Unidade por Rodeiro de "mentir" sobre o pago de factura

E asegura que "son o segundo Concello que está máis ao día das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes"


Ecos da Comarca/Rodeiro

O goberno local de Rodeiro acusou ao grupo municipal de Unidade por Rodeiro de “mentir” sobre o pago de facturas por parte do Concello e "sobre un suposto malestar entre os empresarios" e lembrou que "son o segundo concello das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes que está máis ao día no cumprimento cos provedores, segundo os derradeiros datos oficiais publicados polo Ministerio de Facenda ao peche do terceiro trimestre do presente exercicio que concluiu o pasado 30 de setembro".

O executivo rodeirense lamentou que esta formación política “trate de dar leccións de

procedemento, algo que sempre foi afrontado axeitadamente polo Concello de Rodeiro, e que reclame axilidade para uns pagos que xa estaban feitos”. Neste senso, lembraron que UxR solicitou na xornada deste xoves que se lle dera celeridade “a uns pagos que xa estaban feitos dende o pasado día 21 e que se elevaron a 79.499,79 euros a prol de 47 empresas, moitas delas do propio municipio, e tamén a case 50.000 euros transferidos en materia de subvencións".


Ante isto, o goberno local recalca en que "deberían preguntar antes de faltar á verdade, que parece que lles sae gratis, pero coa súa inventiva sobre supostos retrasos nos pagos malestar entre os empresarios, que é algo que non nos consta, o único que fan é atacar e deturpar á imaxe do Concello sen motivos, o que demostra que, coma sempre, non lles importa nada Rodeiro”.


O executivo municipal explicou que a falla de secretario-interventor, que leva dous meses de baixa, "afectou loxicamente, aínda que de xeito lixeiro, aos abonos, xa que se trata dunha figura fundamental para este proceso administrativo-financeiro. Ademais, hai que engadir que dende o Concello buscouse un substituto por toda Galicia, xa que sempre queremos cumprir canto antes porque as empresas e os autónomos deben ter os cartos nos seus petos o máis rápido posible, pero a falla de secretarios en toda España non nos permitiu contar cunha solución provisional, malia o cal conseguimos sacar adiante os citados pagos”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Por último, dende o Concello de Rodeiro inciden en que "o traballo e a xestión realizados

permitiron reducir o pago medio a provedores de 32,10 días ao peche do ano 2019 a só 20,32 días na conclusión do derradeiro exercicio de 2021". “Situámonos, ao remate do pasado ano, case dez días por debaixo do tope legal de 30 días; conseguimos que as facturas se pagaran ata 25 días máis rápido que a media nacional; e, ao peche do terceiro trimestre, éramos o segundo concello máis cumpridor da zona, con só 50.642 euros pendentes de pago, polo que non lle consentimos a UxR que proclame gratuitamente estes infundios, posto que o que é medible non é opinable”, conclúen dende o executivo local.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page