top of page

O goberno de Silleda tacha de "oportunistas as demandas do BNG en relación á iluminación e á seguridade da rúa Trasdeza"

Sinala que o programa Silleda é luz xa prevé todo reforzo de iluminación na rúa xeral de Silleda que demandan os nacionalistas


Ecos da Comarca/Silleda

O goberno municipal de Silleda sae ao paso das críticas recollidas en forma de moción por parte do  BNG en relación N-525 ao seu paso por Silleda, tachándoas de "oportunistas, xa que  todo o solicitado polos nacionalistas ou ben está incluído xa no contrato de mantemento do alumeado asinado con Ferrovial ou xa aprobado polo  Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible".


En concreto, en relación á iluminación da vía principal de Silleda, explica que "o contrato do programa Silleda é luz, asinado con Ferrovial, inclúe a substitución de todas as luminarias da rúa Xeral para aumentar a intensidade lumínica de todo o viario, pero ademais, nas melloras do mesmo inclúese o reforzamento da iluminación dos pasos de peóns  situados nas entradas e saídas da vila, así como da parada de autobús, solicitado agora polos concelleiros nacionalistas".

O goberno cre que con esta moción, o BNG "pretende que a cidadanía pense que a instalación deste reforzo de iluminación faise trala súa solicitude, xa que como concelleiros membros da Corporación, deberían ser coñecedores dos termos do contrato máis importante da historia de Silleda. Tamén lamenta "que os concelleiros do BNG, presenten unha moción dirixida ao Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, para reclamar melloras de seguridade, xusto despois de que se teña anunciado polo subdelegado de Goberno de España a aprobación de máis de 8.7 millóns de euros para a mellora das vías da zona norte da provincia, entre elas a N-525".


En relación ás obras de mellora de accesibilidade reclamadas, indica que o "BNG é coñecedor tamén de que o Concello vén de contratar ao persoal do plan Máis Provincia, e que parte de ese persoal se ten incorporado ao servicio de Obras Urbanas, polo que se están executando xa  melloras en todas as rúas dos cascos urbanos atendendo as demandas cidadáns, e que por suposto incluirán calquera mellora na accesibilidade, incluso nas beirarúas da estrada Xeral. De feito, no último ano fóronse xa realizando rebaixes en varios puntos das vilas, tanto de Silleda como da Bandeira e arranxando beirarrúas a fin de facelas accesibles e seguras".


Publicidade

Reclámanlle aos concelleiros nacionalistas "maior rigor no seu traballo mentres lle recordan que no tramo urbano de Silleda, é precisamente o Concello quen ten responsabilidade de mantemento das beirarúas e a iluminación e o Ministerio de Fomento sobre o firme e a sinalización vertical e horizontal, xa que nos termos nos que aparece redactada a moción semellan descoñecelo".


No único no que coincide o executivo local é na excesiva velocidade á que circulan algúns vehículos á entrada e saída da vila, ao igual que noutros tramos urbanos, no que pese á sinalización non se respetan como deberían os límites de velocidade. "Neste senso, lémbranse todas as xestións feitas no seu día ante o Ministerio e a Dirección Xeral de Tráfico para reforzar a seguridade á entrada da vila en dirección Ourense, onde se puxeron sinais lumínicas, entre outras, como medida preventiva despois de rexistrarse un atropelo grave nun paso de peóns".




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page