O goberno de Silleda lembra ao BNG que o PEF foi abordado en 3 xuntas de portavoces e nega falta de diálogo
- ecosdacomarca

- hace 4 horas
- 5 Min. de lectura
O executivo municipal aclara que as propostas formuladas polos nacionalistas xa están en marcha ou en fase de estudo, ao responder a acordos plenarios asumidos polo Concello
Ecos da Comarca/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de saír ao paso das declaracións realizadas polo BNG en relación co Plan Económico Financeiro, negando rotundamente que non existise vontade de diálogo ou negociación. O executivo lembra que, precisamente co obxectivo de abordar este asunto con todos os grupos da corporación, se convocaron tres xuntas de
portavoces, celebradas os pasados días 21 e 29 de abril e 19 de maio, nas que o citado plan figuraba como o primeiro punto na orde do día.
“Non é certo que non houbese diálogo. O Plan Económico Financeiro foi explicado e abordado cos grupos municipais en tres reunións, nas que por suposto se abordaron as súas propostas”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández, que lamenta que o BNG “trate de trasladar unha imaxe que non se corresponde coa realidade”.

Dende o goberno municipal explícase que, ante as condicións formuladas polo BNG para negociar o seu apoio ao PEF, se lles indicou aos nacionalistas que as cuestións que poñían enriba da mesa estaban xa en marcha ou en fase de estudo, dado que se corresponden con asuntos aprobados polo Pleno municipal.
Neste sentido, o executivo lembra que o BNG presentou neste mandato mocións relativas á creación dun aparcadoiro para camións en Silleda, ao estudo da reconversión do antigo consistorio, á cuberta de parques infantís ou á planificación da extensión da traída municipal de auga. “A todas e cada unha destas cuestións se lles deu resposta na xunta de portavoces”, apunta Fernández.
No caso do aparcadoiro para camións, o Concello xa mantivo conversas coa Dirección Xeral de Mobilidade para habilitar unha zona nas inmediacións da Semana Verde. En relación co antigo consistorio, a proposta do goberno pasa pola elaboración dun Plan Director de Usos Culturais e Sociais, que permita establecer prioridades e definir o futuro deste inmoble con rigor e planificación.
Sobre a posibilidade de cubrir parques infantís, o goberno explicou tamén que, tras as consultas realizadas a persoal técnico, as características e ubicacións dos parques existentes non permiten acometer esta actuación neles nas condicións axeitadas, polo que a intención é apostar por esta medida cando se constrúa un novo parque. E no tocante á traída municipal de augas, o executivo lembra que se vén de estender a rede á Chapa e que nos vindeiros días comezarán as obras para levala tamén a Lamela.
“Polo tanto, non é certo que non se atendan as propostas do BNG. O que acontece é que parece que o BNG busca máis unha foto asinando un documento que recoñecer que moitas desas cuestións xa están a ser tramitadas polo goberno municipal”, sinala a alcaldesa.
Piscina climatizada, unha demanda social que o goberno leva tempo estudando
En relación ás críticas de que o goberno pretendía relacionar a piscina climatizada co PEF, aclárase que na primeira xunta de portavoces, ademais de falar do documento financieiro, se lles entregou a cada un dos grupos unha copia do anteproxecto e o estudo económico da piscina, que se acababa de recibir, para o seu estudo e análise, sen intención de vincular o PEF a esta instalación. Nesta xornada a alcaldesa lles propuxo exlusivamente aos representantes dos grupos que analizaran se os remanentes dispoñibles do 2026 se mantiñan como tesoureiría, o si preferían amortizar préstamo con eles. “Foi a única proposta que se plantexou, totalmente independente da piscina climatizada nesta primeira reunión”, engade a alcaldesa.
PUBLICIDADE
Na segunda sesión, que se convocou xa coñecendo a través dos medios e das redes sociais as propostas plantexadas polo BNG, se lles trasladou que todas estaban sendo abordadas posto que derivan todas de acordos plenarios. Nesta sesión o BNG ata reprochou que non se negociara só con eles. “Pareceunos unha falta de respeto a un órgano como a Xunta de voceiros, marco aberto para estas negociación”, sinala Fernández Pena.
A esta segunda sesión asistiu a parte do encontro o redactor do estudo económico da piscina para aclarar dúbidas a todos os grupos, e onde incluso o voceiro do PP propuxo que os remanentes derivados do PEF se puideran incorporar ás aportacións municipais necesarias para a construcción da piscina. Unha proposta que ao goberno lle pareceu totalmente asumible, emplazando aos voceiros a volver a reunirse con unha nova valoración económica sobre os custes da piscina, tendo en conta non só a incorporación destes remanentes senón tamén a posibilidade de contar con fondos extraordinarios doutras Adminsitracións.
Na última xunta de voceiros, celebrada o pasado 19 de maio, é cando existe realmente unha primeira vinculación do PEF á piscina cando se analiza por parte de todos os grupos co Interventor a posibilidade non só de incorporar os remantentes de 2026, senón tamén os do 2027 a esta actuación. “O plantexamento é: aprobar o PEF nos termos en que se levou ao Pleno pasado, pero acordar que os remanentes dos dous próximos anos se destinen a esta infraestrutura”, remarca a alcaldesa.
“Cremos sinceramente que o BNG non entendeu ben o plantexamento. Ninguén pretendeu presentar a piscina como unha consecuencia automática do PEF, senón abrir unha vía seria para comezar a reservar recursos e buscar financiamento para unha instalación moi demandada”, engade Fernández.
O goberno municipal tamén amosa a súa sorpresa pola referencia realizada polo BNG a unha suposta capacidade de investimento de 178.000 euros no marco do PEF, cantidade que se corresponde teoricamente cos futuros remanentes de 2027, e cantidade que a todas luces resulta insuficiente para abordar as propostas que fan. “Convén ser rigorosos cando se fala das contas municipais. Non se poden lanzar cifras sen explicar correctamente o seu significado nin crear expectativas que non se corresponden coa realidade técnica do plan”, apunta a alcaldesa.
“A man estivo tendida, pero a experiencia obríganos a ser prudentes”
Dende o goberno municipal tamén se lembra que esta non é a primeira vez que se negocian asuntos económicos co BNG. En relación ao orzamento de 2025, o executivo indica que houbo negociación cos nacionalistas, pero finalmente “nin sequera apoiaron as contas, senón que se abstiveron”.
PUBLICIDADE
Do mesmo xeito, o goberno lembra que o BNG votou en contra da actualización da taxa do lixo, malia que previamente trasladaran que “non había problema” con esa medida.
“Este goberno é plenamente consciente de que está en minoría e por iso tendemos a man e abrimos espazos de diálogo. Pero tamén temos que dicir con claridade que a experiencia fai que xa non poidamos fiarnos do BNG como parte negociadora cando o que se fala nunha reunión despois non se corresponde co que se vota ou co que se di publicamente”, afirma Paula Fernández.
A alcaldesa insiste en que o goberno municipal seguirá traballando “con responsabilidade, transparencia e rigor”, defendendo os intereses xerais de Silleda por riba de calquera estratexia partidista. “Estamos dispostos a falar con todos os grupos, como xa fixemos, pero o diálogo tamén esixe lealdade, rigor e vontade real de chegar a acordos. O que non se pode facer é participar en tres xuntas de portavoces e despois dicir que non houbo negociación”, conclúe Fernández.
O que dixo o BNG: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-silleda-denuncia-a-falta-de-di%C3%A1logo-real-do-goberno-e-a-s%C3%BAa-actitude-como-se-tivese-maior%C3%AD








Comentarios