top of page

O BNG de Silleda denuncia "a falta de diálogo real do goberno e a súa actitude como se tivese maioría absoluta"

Ecos da Comarca/Silleda

O BNG de Silleda critica con dureza a actitude do goberno local na xestión das negociacións para aprobar o Plan Económico Financeiro (PEF), derivado de ter superado o límite de gasto no exercicio 2025. A formación nacionalista denuncia que, malia amosar a súa disposición a chegar a un acordo e facilitar a súa aprobación, "o goberno ignorou por completo o ofrecemento do BNG para negociar medidas concretas para Silleda, evidenciando unha falta total de vontade de diálogo real".

A formación nacionalista lembra que votou en contra do PEF na sesión de marzo, pero amosou a súa disposición a facilitar a súa aprobación se existía unha vontade real de

negociación para mellorar Silleda no que resta de mandato. Neste sentido, o Bloque

trasladou o pasado 25 de abril un escrito á alcaldesa no que propoñía cinco actuacións

prioritarias: a mellora da accesibilidade urbana en Silleda e na Bandeira, estudar solucións para cubrir os parques infantís, iniciar a reconversión do antigo consistorio nun Centro Cultural, continuar coa extensión da rede de abastecemento de auga a máis parroquias e habilitar un aparcadoiro para camións.


Porén, o BNG denuncia que non recibiu ningunha resposta formal a esta proposta, e que unicamente se lle trasladou de maneira informal que o goberno xa estaría traballando nestas cuestións, sen ningunha vontade de asinar un acordo. “O que pedimos é algo tan básico como diálogo e compromiso público. Se o goberno comparte as propostas, non entendemos por que se nega a formalizalas nun acordo claro para a veciñanza”, sinalan desde o BNG.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A formación nacionalista vai máis alá e denuncia un problema estrutural de funcionamento do goberno local, marcado pola ausencia de diálogo real. “Estamos cansos de que non haxa orzamentos, de que o goberno non consensúe con ninguén cando se trata de gastar e de que, cando precisa o apoio do pleno por estar en minoría, sente a dialogar sen aceptar nin unha soa modificación ás súas propostas”, critican.


Neste sentido, o Bloque considera que se está a producir unha situación anómala na

política municipal: “Estamos ante a única alcaldesa que, estando en minoría, goberna como se tivese maioría absoluta. E cando as súas propostas non saen adiante no pleno, a

responsabilidade nunca é súa, sempre é do resto dos grupos”, denuncian.


En paralelo, nas últimas semanas celebráronse varias Xuntas de Portavoces para abordar o financiamento dunha nova piscina climatizada en Silleda. O BNG reafirma o seu apoio a esta infraestrutura e a necesidade de estudar con rigor tanto os custos como os modelos de xestión para garantir a súa viabilidade económica, amosándose aberto a negociar posibles fórmulas de financiamento, incluíndo a achega municipal.


Con todo, o grupo nacionalista considera inaceptable que o goberno local pretenda vincular esta cuestión coa aprobación do PEF, tal e como vén de propoñer a alcaldesa ao BNG de cara ao pleno ordinario do mes de maio, que se celebrará previsiblemente a vindeira semana. “A alcaldesa está mesturando dous debates completamente distintos, usando a piscina como escusa para evitar negociar un acordo real co BNG sobre medidas concretas para Silleda”, denuncian.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O Bloque entende que esta estratexia responde "a unha vontade de confundir á opinión pública e invisibilizar as propostas da oposición, evitando así recoñecer achegas que poderían ser positivas para o conxunto do municipio". Ademais, sinalan como contraditorio que o goberno "defenda a construción dunha piscina climatizada e, ao mesmo tempo, non teña reservado nin un só euro nos principais plans de financiamento da Deputación, como o Plan +Provincia ou o Plan de Infraestruturas Deportivas".


O BNG lembra que tanto o financiamento desta infraestrutura como o conxunto das políticas municipais deberían abordarse no marco dun orzamento, ferramenta fundamental que o goberno local non foi quen de aprobar en 2026 e que todo indica que tampouco aprobará en 2027. “Para aprobar uns orzamentos fai falta diálogo sincero, vontade de acordo e respecto polos demais grupos. E o PSOE de Silleda está demostrando xusto o contrario”, conclúen desde a formación nacionalista.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page