O goberno de Silleda difunde o traballo do mandato ca revista #SeguimosCumprindo
- ecosdacomarca

- 23 abr 2023
- 3 Min. de lectura
A publicación chegará a vindeira semana aos domicilios, ca información das obras e actuacións levadas a cabo dende 2019
Ecos da Comarca/Silleda
O candidato á Alcaldía e actual mandatario de Silleda, Manuel Cuiña, presentou este sábado xunto ao seu grupo de goberno a a revista #SeguimosCumprindo, un balance do mandato 2019-2023 no que se resume a acción levada a cabo dende o goberno municipal. Continuando co lema da campaña de 2019 (cumprimos), a publicación editada pola agrupación socialista de Silleda resume, con texto e imaxes as políticas de benestar social e Igualdade, a humanización e recuperación de espazos públicos, as melloras de infraestruturas no rural, a posta en valor de espazos natruais, políticas medioambientais, mellora de infraestruturas deportivas, as actuacións e programas executadas na pandemia, a xestión económica….
“Apostamos por dar continuidade ao lema que xa en 2019 usamos para resumir o noso traballo. Porque cumprimo e seguimos cumprindo. E unha vez máis, pese á paréntese da pandemia fomos quen de realizar máis do 90% do programa electoral co que nos presentamos hai catro anos” engade Cuiña.

Actuacións de mellora da mobilidade como a rúa do Progreso, o entorno da Residencia e Centro de Día de Maiores, a rúa da Chousa Nova, abren xunto coas políticas en materia de benestar social e igualdade esta publicación que chegará nos vindeiros días aos domicilios. “Foi novamente un dos mandatos con máis investimento no municipio de Silleda”, explica Cuiña lembrando actuacións en marcha e licitación como as sendas dende a rotonda da N-525 ata Toiriz, ou as que se farán ata o mosteiro de Carboeiro, dotando de luz eléctrica a este edificio patrimonial.
A aprobación do PXOM, o gran reto conseguido nesta lexislatura que remata, as políticas en aforro enerxético e mediambientas, a construción da nova casa consistorial, actuacións no rural, renovación de parques infantís … ou as melloras na xestión municipal, ca municipalización do SAF ou a aprobación da RPT, completan ás máis de 40 páxinas da publicación #seguimoscumprindo.
O balance da xestión económica, ou o programa Silleda Reactiva, posto en marcha durante a pandemia con axudas directas e outras actuacións, tamén figuran na revista xunto con outras subvencións históricas para Silleda a través de fondos europeos que se porán en marcha nos vindeiros meses, co Camiño Escolar Seguro ao IES e a humanización da praza da Bandeira e o seu entorno. “Silleda é dos poucos concellos do interior que gaña poboación, no que segue a descender o desemprego, e no que seguimos encabezando a lista de administracións locais que máis rápido abonan as facturas”, remarca o alcalde e candidato.
Recollida lixo
A regularización da recollida de lixo, implantación da recollida selectiva en todo o rural, son xunto coas numerosas actuacións nas parroquias outro dos apartados da revista, ao igual que a Obradoiro de Emprego Semente de Pedra, ou o recén aprobado viveiro de empresas.
Pecha a publicación a xestión municipal, “cun xiro de 180 graos no ámbito da economía municipal ou medidas como a campaña de fomento do empadroamento coa que conseguimos tamén ser dos dous únicos concellos da comarca que non perde poboación” e a área de deportes.
Manuel Cuiña destacou o traballo realizado por todos os membros do actual equipo de goberno. “Estamos a punto de rematar un mandato no que conseguimos novas infraestruturas, mellores servizos, no que deixamos de ocupar titulares por débedas
herdadas, sentenzas por impago…. E no que seguimos a ser referentes en distintos ámbitos”.







Comentarios