O Goberno de Rodeiro desminte as afirmacións do PP sobre o Servizo de Axuda no Fogar
- ecosdacomarca

- hace 4 días
- 2 min de lectura
Reivindica que todas as persoas dependentes de Camba están atendidas
Ecos da Comarca/Rodeiro
Ante as declaracións realizadas polo Partido Popular de Rodeiro sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Goberno municipal considera "necesario aclarar diversos aspectos para evitar que se trasladen á veciñanza afirmacións que non se corresponden coa realidade".
A concelleira de Servizos Sociais, Begoña Vázquez, lamenta que o PP "pretenda utilizar un servizo tan sensible para facer oposición política, especialmente cando os datos actuais demostran que a situación da atención á dependencia en Rodeiro é mellor que en etapas anteriores".

Na actualidade, puntualiza, "37 persoas reciben atención directa a través do Servizo de Axuda no Fogar prestado con persoal municipal, mentres que, 15 persoas con dependencia de Grao I están sendo atendidas mediante a correspondente prestación económica vinculada ao servizo (libranza económica). Isto significa que todas as persoas con dereito recoñecido dispoñen hoxe dun recurso de atención adaptado á súa situación".
Por iso,lamenta, "resulta completamente inxusto e afastado da realidade afirmar que existe un "nulo interese" por parte deste Goberno municipal na atención ás persoas maiores. Os feitos demostran exactamente o contrario: todas as persoas dependentes están a recibir atención, xa sexa mediante o servizo municipal ou a través da prestación económica correspondente".
PUBLICIDADE
Ademais, sinala que cómpre lembrar "que esta situación contrasta coa vivida noutras etapas de goberno do Partido Popular, cando houbo momentos nos que nin sequera estaban atendidas a totalidade das persoas con maiores graos de dependencia. Hoxe Rodeiro pode dicir que ningunha persoa dependente queda sen atención".
Respecto das cuestións económicas ás que fai referencia a portavoz popular, desde o Goberno municipal consideran necesario aclarar que os importes de financiamento do SAF proceden dos acordos acadados entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, negociacións nas que o Concello de Rodeiro non participa.
"O que si é responsabilidade da Xunta é garantir un financiamento suficiente e xusto para todos os concellos. Por iso, o Goberno municipal reclama que Rodeiro sexa tratado en igualdade de condicións que o resto dos municipios galegos e que a Administración autonómica incremente as súas achegas para facer fronte ao custo real do servizo".
PUBLICIDADE
Neste sentido, o alcalde en funcións Alberte Lamazares e a concelleira de Servizos Sociais Begoña Vázquez advirten de que, se a Xunta de Galicia continúa sen corresponder economicamente con Rodeiro do mesmo xeito que fai con outros concellos e segue trasladando aos municipios unha carga financeira que non lles corresponde asumir, o Concello valorará as medidas oportunas para defender os intereses da veciñanza e garantir a sustentabilidade do servizo. "O noso compromiso é claro: seguiremos atendendo ás persoas maiores e dependentes de Rodeiro. Agora ben, tamén esiximos que a Xunta cumpra coa súa responsabilidade e financie adecuadamente un servizo que é fundamental para a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas", conclúe Begoña Vázquez.
O Goberno municipal reafirma así a súa aposta "por unha atención digna, universal e de calidade para todas as persoas dependentes do concello, fronte a declaracións que non reflicten a realidade actual do servizo".








Comentarios