"O goberno de Dozón contradí á Xunta ao dicir que a residencia non reservará prazas para os veciños"
- ecosdacomarca
- hace 47 minutos
- 3 Min. de lectura
O BNG acusa "ao goberno local e galego de non poñerse de acordo sobre os futuros usuarios, onde o investimento non beneficiará aos veciños da localidade e da comarca, que non terán prazas reservadas coma lles prometeran"
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG acusa ao goberno local de Dozón e ao galego "de non poñerse de acordo sobre os futuros usuarios da residencia e centro de día de Dozón, onde o investimento non beneficiará aos veciños da localidade e da comarca, que non terán prazas reservadas coma lles prometeran".

Dende o BNG lamentan que "ambos os dous gobernos, municipal e galego, non se poñan de acordo a pesares de ser da mesma cor nas condicións da residencia que acaba de comezar a construción despois dun proceso de licitación tedioso que durou meses. Finalmente, unha empresa privada terá a concesión da residencia durante como mímimo
40 anos por acordo entre o alcalde Adolfo Campos e a citada empresa, COVIASTEC S.L,
resultado do pleno de adxudicación celebrado no mes de xullo do presente ano e no que
o BNG amosou a súa disconformidade ao considerar que se modificaban as bases ao
antollo da empresa, coma agora se comproba".
A modalidade de xestión indirecta escollida, segundo a Xunta de Galiza, polo goberno municipal encádrase no acordo marco firmado entre a FEGAMP e o Consorcio Galego do Benestar no 2022, a través do cal distintos concellos galegos foron beneficiarios de axudas procedentes de fondos Next Generation, que no caso de Dozón ascendían a 1.500.000 euros. É nese acordo onde literalmente se cita que deste xeito se “garantirá que as persoas usuarias destes centros sexan do entorno municipal ou comarcal, posibilitando con isto a creación de centros en comarcas ou contornas máis rurais que carecen deste tipo de equipamentos.”
Publicidade
Recentemente o alcalde de Dozón afirmaba en sesión plenaria, tal e como apunta o Bloque, que “a reserva de prazas non é posible” de xeito que, salienta o BNG, "os veciños de Dozón e da comarca entrarán cos mesmos baremos que todos os posibles usuarios de Galiza, non beneficiando ao concello e aos seus habitantes e incumprindo claramente o acordo do Consorcio coa FEGAMP".
O BNG de Dozón considera que “non vai haber prazas reservadas para os nosos veciños e
veciñas, de maneira que continuaremos movendo polo país a persoas que perden todo contacto co seu lugar de residencia e dificultan moito a vida dos seus familiares, que
seguiran percorrendo quilómetros para visitar aos seus maiores en lugar de telos á beira
da casa”. Segundo Mario Vila, responsable local do BNG, “a privatización é o modelo da Xunta para os coidados e permítese como podemos ver que os acordos se incumpran, ou iso ou o alcalde contradí ao goberno galego, cousa que non se entendería e que sería
unha disfunción grave”.
Publicidade
A deputada nacionalista, Ariadna Fernández, que recibiu a resposta da Xunta de Galicia ás iniciativas presentadas sobre a residencia de Dozón, adianta que pedirá explicacións ao goberno do PP no Parlamento e seguirán insistindo para que os veciños e veciñas deste concello, moi envellecido, teñan a oportunidade e o dereito de ser atendidos preto no seu lugar de residencia. “O modelo de xestión externa deriva da falla total de interese por parte da Xunta de Galiza de ter uns coidados de calidade para os nosos maiores, bótanlle ao lombo aos concellos competencias que non son deles e por enriba non garanten que as prazas se reserven, de maneira que esta residencia non asegura que os nosos veciños e veciñas queden cerca da familia e da casa. É o resultado da incompetencia, da incapacidade de xestión e do engano, tanto por parte do goberno da Xunta coma por parte de Adolfo Campos, quen lle vendeu aos veciños a falsa idea de que
a residencia satisfaría as súas necesidades, mentindo claramente hai uns días” sentencia
Fernández ante tales declaracións do rexedor local.
Comentarios