O goberno de Arzúa lamenta "a manipulación mediática do PP contra o autor do cartel do Queixo"
- ecosdacomarca

- hace 5 minutos
- 3 Min. de lectura
"Queremos lembrarlle ao PP que, como é público e contrastable facilmente, aquel concurso contou cun xurado plural, formado por persoas de diferentes sensibilidades políticas e do ámbito cultural, nun proceso aberto e transparente"
Ecos da Comarca/Arzúa
O Concello de Arzúa presentou esta semana o cartel da 51ª edición da Festa do Queixo, unha edición dedicada á memoria da emigración arzuá, "como homenaxe a todas as persoas que, ao longo da nosa historia, tiveron que marchar da súa terra". Por este motivo, o Concello encargou a realización do cartel ao deseñador gráfico profesional Aitor Marín Castro, fillo de emigrantes arzuáns no País Vasco, que mantén un fondo vínculo coas súas orixes, pasando longas tempadas na súa casa familiar en Pantiñobre. "Aproveitando esta circunstancia, o Partido Popular de Arzúa iniciou unha campaña de desinformación e manipulación mediática, tentando poñer en cuestión a escolla do autor. Entre outras falsidades, nun exercicio indecente, o PP de Arzúa atrévese a tratar de sementar dúbidas sobre o feito de que Aitor Marín fora premiado no concurso de carteis de 2013, insinuando que existiron irregularidades na elección do cartaz naquela altura", lamenta o goberno local.

Desde a alcaldía do Concello de Arzúa queren lembrarlle ao PP que, "como é público e contrastable facilmente, aquel concurso contou cun xurado plural, formado por persoas de diferentes sensibilidades políticas e do ámbito cultural, nun proceso aberto e transparente. O xurado designado pola Asociación para a Promoción da Festa do Queixo estivo formado por Natalia Pereira, concelleira de Cultura e presidenta da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Óscar Pérez, director-xerente do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa; Cristina Castro, actual concelleira do PP de Arzúa e vogal da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Begoña Balado, concelleira do PSOE de Arzúa e vogal da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Alberto Alfonso, produtor do Festival do Queixo; José Ramón Bernárdez, responsable do concurso Queixo Maquetón – Radio Arzúa; e Ramón Roldán, consultor de relacións públicas e responsable de comunicación da Festa do Queixo".
Desde a alcaldía do Concello de Arzúa queren expresar "o noso apoio total ao traballo realizado por Aitor Marín, que soubo reflectir con sensibilidade e precisión o espírito desta edición, seguindo as indicacións e necesidades establecidas pola organización. Do mesmo xeito, condenamos firmemente a persecución persoal e política á que está a ser sometido, lembrando que en democracia todas as persoas teñen dereito a militar libremente no partido que consideren, sen que iso poida condicionar nin o seu traballo nin o respecto que merecen".
Publicidade
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, manifesta que: “A desinformación e a propagación de bulos teñen que ter uns límites claros. Este é un deles. O Partido Popular de Arzúa non está a facer oposición con estas acusacións; o único que fai é ir en contra de Arzúa. Quero lembrarlle ao portavoz do PP, que sempre di estar preocupado pola economía de Arzúa, que familias como a de Marín Castro teñen contribuído á economía local conservando a súa casa e pagando os seus impostos no noso Concello, cousa que o portavoz do PP non pode dicir, xa que até fai nada nin sequera vivía no noso Concello".
Publicidade
Ademais, sinala que "quero recordar tamén que todas as persoas teñen dereito a ser do partido político que consideren; o que non vai permitir este goberno municipal é que se persiga ou se poña en cuestión o traballo de ningún profesional pola súa militancia política. Esa forma de pensar pertence a tempos pasados, un pensamento franquista que, afortunadamente, a sociedade galega e arzuá xa temos superado, e que non encaixa cos valores democráticos e de respecto institucional que defendemos para o Concello de Arzúa”.
O que dixo o PP de Arzúa: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-arz%C3%BAa-denuncia-o-enchufismo-do-tripartito-na-presentaci%C3%B3n-do-cartel-da-festa-do-queixo








Comentarios