O PP de Arzúa denuncia "o enchufismo do tripartito na presentación do cartel da Festa do Queixo"
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Partido Popular de Arzúa manifesta o seu profundo malestar tras a presentación este sábado do cartel da 51ª edición da Festa do Queixo, denunciando o que considera "unha mostra máis de amiguismo e clientelismo nacionalista por parte do goberno local, algo que xa sucedeu en 2024".

Desde as filas populares denuncian que a elección do autor do cartel, "vinculado á contorna de EH Bildu, non é un feito illado". Rafael Rivadulla, voceiro popular, é tallante ao respecto: "Non hai evento, acto ou presentación que faga este Concello sen que apareza o enchufismo nacionalista co beneplácito de Alternativa por Arzúa e o PSOE. É lamentable que a nosa festa máis senlleira se use para pagar favores ideolóxicos", acusa.
O voceiro popular tamén puxo o foco na traxectoria do autor en edicións anteriores, como 2013 e 2014, cando aínda existía o formato de concurso. Rivadulla sementa "dúbidas sobre a limpeza daqueles procesos: Nese momento o alcalde era José Luís García e quen mandaba de facto era Xaquín García. Visto con perspectiva, foi aquel concurso un proceso limpo ou influíu a simpatía co autor?".
Publicidade
A ausencia de Alternativa por Arzúa no acto do sábado non pasou desapercibida para os
populares. Segundo Rivadulla, isto evidencia "a fraxilidade do tripartito: Parece que ao exalcalde non lle sentou nada ben que lle retirasen dende 2024 as competencias da Festa do Queixo. O que vemos hoxe é un goberno roto onde cada un mira polo seu cadro".
Publicidade
Para o Partido Popular, "a situación en Arzúa é insostible. Arzúa cheira a enchufismo os 365
días do ano. Estamos ante un tripartito de tres caciques que prefiren o amiguismo antes que a excelencia que unha festa de 51 anos de historia merece".








Comentarios