O Galicia Clarinet Fest congregou a máis de 1.500 asistentes estes días en Lalín
- Laura Moure

- 3 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Diego Bermúdez Gato e Estela Rodríguez Rodríguez foron os gañadores do III concurso de Repertorio Orquestral
Laura Moure/Lalín
O Galicia Clarinet Fest clausurou a súa VI edición cun éxito rotundo, consolidando a Lalín
como capital galega do clarinete e da música clásica. Durante cinco días, o festival, que tivo como escenarios a praza das Pipas e e o auditorio, encheu Lalín de melodías, atraendo a máis de 1500 persoas aos seus concertos.

A afluencia de público e os máis de 50 estudantes —chegados de Galicia, do resto de España e de cinco países (Estados Unidos, Francia, Canadá, Suíza e Reino Unido)— confirmaron o crecemento do evento. "Esta diversidade enriquece a experiencia e proxecta o nome de Lalín e de Galicia a nivel mundial. O ambiente de aprendizaxe, intercambio e camaradería, coa oportunidade de tocar ao vivo, ante un público que bebe da tradición musical da comarca do Deza, fai do festival unha experiencia moi enriquecedora para o alumnado ", destacou o director artístico, Xocas Meijide.
Publicidade
Unha edición marcada por fitos e recoñecementos
A programación, que rematou onte cun concerto emocionante no que participaron alumnado e un profesorado que imparte clases en prestixiosas escolas e universidades europeas, cautivou ao público asistente. Un dos puntos álxidos foi a estrea mundial en Lalín da peza Paradoxe, do recoñecido compositor francés Alexander Kosmicki, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia cos clarinetistas Emilio Espasandín e o propio Xocas Meijide como solistas. Este fito subliña o prestixio alcanzado polo festival.
Apoio institucional e talento emerxente
Xocas Meijide amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do festival e agradeceu a resposta do público: "Cada concerto foi unha celebración e ver tanta xente é a mellor recompensa ao esforzo de todo o equipo". Tamén quixo salientar o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín, así como o papel dos medios de comunicación na difusión do evento.
Ademais da vertente musical e formativa, o festival foi escenario do III Concurso de Repertorio Orquestral. O primeiro premio foi para o lucense Diego Bermúdez Gato (23 anos), que terá a oportunidade de tocar coa Orquestra Nacional de Cannes (Francia), mentres que a ourensá Estela Rodríguez Rodríguez (18 anos) gañou o segundo premio, o que lle permitirá colaborar coa Real Filharmonía de Galicia.
Publicidade
O Galicia Clarinet Fest en cifras
• Público: Máis de 1500 persoas asistiron aos concertos.
• Alumnado: 52 clarinetistas (42 activos e 10 oíntes) de Galicia (51%), España (21%) e 5 países internacionais (28%).
• Formación: 110 horas lectivas e 61 clases impartidas.
• Actuacións: 7 concertos a cargo de alumnos e 4 concertos de música de cámara con supervisión de profesorado.
O Galicia Clarinet Fest remata esta edición con máis forza ca nunca, consolidando a súa posición como un evento indispensable para a música clásica e o clarinete. A próxima cita, na VII edición.








Comentarios