O futuro albergue de peregrinos de Dozón avanza co horizonte posto no Xacobeo 2027
- ecosdacomarca
- 24 mar
- 1 Min. de lectura
A licitación para a rehabilitación da casa reitoral da igrexa de San Salvador do Castro sairá publicada neste semestre
Ecos da Comarca/Dozón
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles reuniuse a pasada semana co alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, para informalo do proxecto do futuro albergue de peregrinos que se instalará no municipio. Na reunión tamén participou o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas.

En concreto, o albergue ocupará as instalacións da antiga casa reitoral da igrexa de San Salvador do Castro, situada no lugar do Castro. Actualmente o edificio non está en uso, manténdose nun estado de conservación deficiente, motivo polo que será preciso un fondo traballo de acondicionamento ata que se poida empregar para o aloxamento de peregrinos.
Deste xeito, Turismo de Galicia prevé, unha vez entregado o proxecto, licitar a contratación da obra este primeiro semestre para que execute ao longo de 2026 co obxectivo posto na celebración do vindeiro Xacobeo 27.
Publicidade
A localidade de Dozón está situada nunha das últimas etapas da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, a ruta xacobea de maior percorrido. A Vía da Prata foi a ruta elixida en 2024 por 9.028 persoas para realizar o Camiño, un 12% máis que no ano anterior. No que vai de 2025, o número de persoas que optaron polo Camiño Mozárabe incrementouse nun 46%.
Comments