top of page

O espírito do 45

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a importancia da Unión Europea


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre a importancia da Unión Europea.

Antón Branco.

O ESPÍRITO DO 45

"O 11 de novembro de 1947, na Cámara dos Comúns británica, Winston Churchill, xa na oposición, pronunciou a súa famosa frase "a democracia é o peor sistema de goberno, a excepción de todos os demais". Deste home, hoxe entrozinado pola historia, tan só queda a súa grandilocuencia, mais cabe recordar que o seu pobo botouno do cargo unha vez rematada a guerra apoiando ao que quizais fora o mellor goberno que caeu nas illas durante todo o século XX, o goberno do laborista Attlee. Este foi quen dotou de liberdade e seguridade á súa xente, intervindo nos sectores primordiais da economía e universalizando as garantías sociais básicas: sanidade, vivenda, transporte e educación.


Con arredor do 6% da poboación mundial, a Unión Europea supón a terceira economía do mundo, moi preto da chinesa e moi lonxe da estadounidense que, ata o de agora, mantense no liderado mundial. A gran diferenza que para min comporta a Unión Europea co resto aséntase no imperfecto equilibro entre igualdade e liberdade. Por suposto, no mercado das ideas poderemos escoller quen nos fale moi mal do actual goberno desta institución e quen nos fale marabillas, mais considero que esta é unha peza fundamental para o noso modelo de benestar.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"La potencia sin control no sirve de nada". Este é un famoso eslogan de Pirelli, a marca de neumáticos, que saiu á luz en 1994. Viña a dicir que podemos ter un coche de moitos cabalos, mais se as gomas non son boas, á primera de cambio pode que teñamos un accidente. Na actualidade pasa algo similar; é indudable de que iso que chaman mercado, a lonxa na que os actores da economía se moven comprando e vendendo, existe e ten un poder moi grande sobre as nosas vidas, mais tamén existe iso que chamamos Estado que regula e controla ao anterior baixo criterios que rematen beneficiando ou protexendo a gran parte da poboación. A UE e as súas regulacións son as responsables, entre moitas outras cousas, que un alcalde nada preocupado polo cambio climático e pertencente a un goberno que asume as teorías conspiranoicas da ultradereita, coma José Crespo, teña que cinguirse á Axenda 2030 e aos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Tamén se pode enumerar a relevancia que supón contar como axudas vitais como a PAC, agro, ou a PPC, pesca.


Certo é que non todo é de cor de rosa, podemos recordar os anos nos que a UE nos apretou o cinturón, a época dos homes de negro, a Europa dos recortes. Mais non estamos nesas, agora, debido a unha conxuntura mundial, fálase de reindustrilización, de regulación dos algoritmos, dun salario mínimo europeo, de mitigación drástica do cambio climático,... E ante isto podemos enarborar a bandeira do euroescepticismo, é lexítimo e sinxelo, mais tamén podemos valorar o que temos e participar na súa mellora.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis desta empresa.

Entendo como condición de madurez o saber integrar a decepción que nos vai producindo a vida coa esperanza que nos van xerando os soños. O realismo menos heroico e máis vivible é aquel no que podemos desfrutar do conseguido mentres ansiamos e producimos o cambio daquilo que nos incomoda. Sexa como for, prefiro ter unhas boas gomas nun coche potente que ir "en llantas".


Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page