"O erro das bases da Policía Local é froito da deriva dun goberno cun alcalde a tempo parcial", di Forno
- ecosdacomarca

- 4 nov
- 2 Min. de lectura
A responsable socialista de Lalín advirte que esta situación "dana a credibilidade e a imaxe de Lalín" e insiste en que o goberno local debe delegar na AGASP estas probas
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, asegurou que o erro nas bases do proceso selectivo da Policía Local “é a consecuencia directa da deriva política dun goberno esgotado, descoordinado e cun alcalde a tempo parcial que está danando seriamente a imaxe de Lalín”.
Forno cualificou de “groseiro e irresponsable” que o PP pretenda culpar á oposición deste novo escándalo, lembrando que existen órganos municipais que aproban as bases, un tribunal designado polo propio goberno e un executivo “cheo de concelleiros liberados e asesores que teñen o deber político de garantir o bo desenvolvemento dun proceso selectivo”.

A secretaria xeral explicou que desde o PSdeG-PSOE se mantén contacto con varios aspirantes prexudicados por este novo desastre e que o partido valora reunirse con eles para avaliar posibles accións. Segundo trasladaron, “víronse sorprendidos no mesmo momento da proba polo erro, informándoselles no momento de que o tempo para percorrer 50 metros era de 7 e 8 minutos, algo que consideraron unha auténtica afrenta despois de meses de preparación e esforzo”.
“Dinnos que nunca viran unhas oposicións con tantos erros e unha chapuza semellante. O proceso está contaminado desde o principio, cando no exame teórico apareceron respostas xa marcadas e houbo que repetilo”, lembrou Forno.
Forno advertiu ademais que este novo episodio chega nun momento especialmente grave, cunha Policía Local practicamente desmantelada, con só oito axentes operativos, o que impide cubrir con normalidade os servizos nun momento dunha tensión nas rúas como nunca se vivira en Lalín”.
“O PP leva anos demostrando que é incapaz de planificar e prever as necesidades de persoal. Lalín necesita reforzar a súa Policía Local, pero o que temos é un goberno que cando toca nin é capaz de organizar correctamente un proceso selectivo”, denunciou.
A responsable socialista advertiu que esta situación dana a credibilidade e a imaxe de Lalín, e insistiu en que o goberno local debe delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a organización das probas da Policía Local.
Publicidade
Forno lamentou que o alcalde José Crespo trate de eludir a súa responsabilidade nesta “chambonada” citando cuestións que nada teñen que ver, como a AP-53. “Cando gobernaba Rajoy, el mesmo dicía que a transferencia da autopista e a súa gratuidade eran un canto ao sol. E agora pide o que antes renunciaba, mentres foi o Goberno de Pedro Sánchez quen aplicou por fin as rebaixas na AP-53”, lembrou.
A secretaria xeral tamén defendeu o traballo discreto, pero constante do PSOE nas cuestións que afectan a Lalín. “Realizamos xestións coa DXT, coa Subdelegación do Goberno e coa Axencia Tributaria para mellorar servizos no municipio. Que non fagamos notas de prensa por cada paso non significa que non traballemos. Crespo sabe perfectamente da complexidade de traer os exames de conducir ou de abrir unha oficina tributaria, son cousas que non se conseguen dun día para outro e que precisan menos demagoxia e máis seriedade”, concluíu Forno.







Comentarios