O edil non adscrito de Touro Darío Rey cuestiona as declaracións do Sindicato Labrego Galego
- ecosdacomarca

- 1 ago 2025
- 13 Min. de lectura
O concelleiro envía íntegro o seu acordo para levar a cabo a moción de censura neste municipio
Ecos da Comarca/Touro
O concelleiro non adscrito de Touro, Darío Rey, lamenta as declaracións do Sindicato Labrego Galego https://www.ecosdacomarca.com/post/o-slg-pide-investigar-de-oficio-a-relaci%C3%B3n-de-cobre-san-rafael-coa-moci%C3%B3n-de-censura-en-touro Rey entregará a Alcaldía de Touro ao voceiro do PP, Jesús Rebordo, tras alcanzar un acordo para presentar unha moción de censura contra o actual mandatario, Roberto Castro, do partido Movemento Veciñal.
Darío Rey cuestion as declaracións do Sindicato Labrego Galego e envía íntegro cal é o seu acordo:
ACORDO DE DARÍO REY
Moción de censura con acordo programático
Proposta de actuación institucional do Concello de Touro en relación co complexo mineiro e a defensa do interese xeral. Acordo programático Xustificación e obxectivos O Concello de Touro comprometerase a personarse en todas as causas xudiciais, en curso ou futuras, que teñan como obxecto tanto o proxecto da nova mina como a situación actual dos terreos mineiros e as actividades das empresas que operan neles.
Este compromiso ten como finalidade a defensa do interese xeral da veciñanza, a protección do medio ambiente e da saúde pública, e a loita contra a impunidade fronte a posibles danos ou neglixencias cometidas na zona. No prazo de 2 meses a personación. O Concello asumirá o seu deber institucional de actuar como garante do ben común, especialmente en contextos onde a veciñanza carece dos recursos técnicos e económicos necesarios para facer fronte a empresas que contan con equipos xurídicos e periciais de alta capacidade, situación que xera unha clara indefensión.
Competencia municipal e postura institucional
O Concello de Touro asumirá esta actuación como unha competencia propia, no marco das súas obrigas en materia de protección do medio ambiente, saúde pública e defensa dos intereses veciñais, tal e como recolle a lexislación vixente sobre réxime local. En consecuencia, o Concello non manifestará apoio institucional ao proxecto mineiro nin a ningunha das súas fases mentres non exista un mandato claro da maioría social e política do municipio, e en ningún caso durante os dous anos que restan da lexislatura.

Esta postura fundaméntase na necesidade de garantir a defensa do interese xeral da veciñanza, especialmente tendo en conta a existencia dunha ampla comunidade de persoas afectadas pola actividade extractiva actual e futura, que carecen de medios suficientes para exercer unha defensa técnica e legal efectiva.
O Concello comprométese, así, a actuar como escudo institucional ante unha situación de desigualdade evidente, asumindo a súa responsabilidade como administración máis próxima e coñecedora da realidade do territorio.
Antecedentes e cambio de enfoque
Até o de agora, nin os anteriores gobernos nin o actual de Movemento Veciñal con Partido Galego asumiron esta responsabilidade, chegando este último goberno a negarse na personación do Concello nos procesos xudiciais, un feito de especial gravidade dada a relevancia do tema para o futuro do territorio e da súa poboación. O novo enfoque pretende superar esa etapa, deixando a un lado o posicionamento político de cada concelleiro ou grupo e priorizando exclusivamente o interese xeral do Concello, que non é outro que o que lle atribúe a lexislación vixente: a defensa do medio ambiente, da saúde pública e da protección da súa veciñanza ante situacións de vulnerabilidade ou desigualdade fronte a grandes operadores económicos.
Recursos e contratación profesional
O Concello destinará os recursos necesarios para exercer esta defensa con rigor, mediante a elaboración dun prego de contratación pública, consensuado con este concelleiro e aberto ás achegas do resto de grupos formuladas en comisión informativa, que permita seleccionar unha consultora ou equipo técnico-xurídico de acreditada experiencia, solvencia e independencia. No prazo máximo de 45 días. Este equipo deberá estar integrado por profesionais especialistas en dereito ambiental, dereito administrativo e minería, así como en enxeñaría e ciencias ambientais, garantindo un enfoque multidisciplinar. Será requisito indispensable que acrediten experiencia previa en conflitos ambientais e na defensa de comunidades afectadas por proxectos extractivos, achegando casos de éxito contrastados.
A súa función principal será elaborar informes técnicos e periciais completos e fundamentados, que poidan ser incorporados tanto ás causas xudiciais en curso como ás que poidan xurdir no futuro, incluíndo procedementos contenciosoadministrativos e calquera actuación administrativa relacionada co complexo mineiro.
Ademais, este equipo asesorará ao Concello na definición da estratexia xurídica e técnica, emitirá ditames especializados e prestará apoio á veciñanza na defensa dos seus dereitos fronte a calquera impacto derivado da actividade extractiva, garantindo unha protección efectiva do medio ambiente e da saúde pública. Esta actuación constitúe a competencia máis esencial e propia que pode exercer o Concello, pois responde á súa obriga fundamental de protección do medio ambiente, da saúde pública e do benestar da súa veciñanza, tal e como recolle a lexislación sobre réxime local.
Mecanismos de transparencia e fiscalización
Co obxectivo de avanzar nunha liña de diálogo construtivo e dunha xestión eficaz nas políticas ambientais, crearase unha nova comisión específica de carácter permanente, baixo a denominación de Comisión de Medio Ambiente. Esta comisión funcionará segundo os mesmos criterios organizativos e metodolóxicos que as xa existentes, e estará presidida polo concelleiro non adscrito. O goberno municipal comprométese a respectar o criterio da presidencia da comisión e a non obstaculizar as iniciativas promovidas dende a mesma (presidencia), sempre que estas conten co respaldo xurídico correspondente. As propostas que se eleven dende esta comisión serán tramitadas polo goberno co obxectivo de garantir unha acción ambiental coherente, participada e en beneficio do interese xeral.
O presidente da comisión poderá requerir informes da consultora contratada e contará con toda a información relativa a este tema en tempo real.
Publicidade
Prohibición de convenios
Non se asinarán convenios, acordos de colaboración nin compromisos económicos ou institucionais coas empresas promotoras do proxecto mineiro mentres este acordo estea en vigor. Esta medida supón unha clara mellora respecto da actuación do actual goberno municipal, que ademais de negarse reiteradamente a personarse nas causas ambientais vinculadas ao complexo mineiro, actuou sen transparencia e mantivo unha posición ambigua, xogando a dous bandos entre os intereses da veciñanza e os da empresa promotora. O novo enfoque busca poñer fin a esa indefinición e garantir unha postura institucional clara, comprometida coa defensa do territorio e da saúde da súa xente.
Ríos e encoros
Demandar a Augas de Galicia a limpeza dos ríos invadidos pola maleza, co obxectivo de mellorar o fluxo das augas e previr riscos de inundación. Velar polo cumprimento da normativa vixente nos encoros, garantindo que a súa xestión non infrinxa as obrigas ambientais nin cause prexuízos á veciñanza.
Medio Ambiente e Medio Rural
Posta en marcha dun programa municipal de distribución gratuíta de árbores autóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros...) para a reforestación das franxas secundarias e a mellora da biodiversidade. Posta en marcha inmediata para a época de plantación. Habilitación e recuperación de camiños pechados pola maleza ou en mal estado nos núcleos das aldeas e no seu entorno, favorecendo espazos de lecer e paseos para a veciñanza. Mantemento operativo do tractor de desbroces durante un mínimo de 10 meses ao ano, abrindo camiños forestais que levan décadas sen limpar para previr incendios e mellorar as comunicacións entre aldeas. Eliminar o modelo de limpeza das aldeas coincidindo exclusivamente coa Festa para implementar outro que asegure un bo estado das aldeas durante todo o ano. Plan anual de limpeza e mantemento dos roteiros de sendeirismo, co obxectivo de potenciar o turismo sostible e o uso recreativo dos espazos naturais. Limpeza de todas as áreas recreativas con previsión. Estudo integral de embellecemento das aldeas, con propostas concretas, realistas e de execución inmediata (xardinería, mobiliario rural, recuperación de fontes, etc.).
Mellora da Xestión de Augas e Cunetas
Execución por vía urxente dun proxecto de mellora de captación de auga no río Lañas e da capacidade de depuración para evitar cortes de auga no abastecemento público. Plan integral de mellora da canalización das augas nas aldeas para evitar inundacións en propiedades privadas e zonas habitadas. Programa anual de limpeza e mantemento de cunetas e desaugadoiros, especialmente nas áreas con maior risco de acumulación de auga. Sistema de rexistro de incidencias por parte da veciñanza, que poderá comunicar problemas de canalización ou inundacións. Estas posibilidade de rexistro será comunicada mediante bando municipal e priorizaranse as actuacións que afecten a vivendas, construcións ou zonas de uso público.
Festas, Cultura e veciñanza
Incremento do apoio ás festas parroquiais: Aumentar a partida destinada ás axudas para festas parroquiais nos orzamentos de 2026, pasando de 300€ a 700€, co obxectivo de reforzar as celebracións locais e manter vivas as nosas tradicións populares. Nova normativa de subvencións: Redactaremos unha normativa clara e transparente que substitúa o sistema actual de subvencións nominativas concedidas a dedo, poñendo fin ao mercadeo e ao favoritismo perpetuado polo actual alcalde. Todas as axudas concederanse mediante convocatorias públicas con criterios obxectivos e xustos. Impulso á arte urbana e ao patrimonio cultural: Promoveremos a incorporación de murais e expresións de arte urbana no núcleo de Fonte Díaz, resaltando elementos identitarios como o Camiño Holandés EuroVelo, a ruta dos peregrinos, os Xenerais do Ulla, o río Ulla e a nosa paisaxe. Esta iniciativa servirá como atractivo cultural e turístico, reforzando o orgullo polo noso entorno.
Dotar os locais sociais que o soliciten con equipamento básico necesario para facilitar a realización de reunións e proporcionarlles acceso a internet mediante fibra óptica.
Patrimonio
Campamento Romano de Castrillón: Realizar unha intervención arqueolóxica con posta en valor do recurso e estudar a posibilidade de incorporalo ao roteiro de Brandelos, potenciando así o seu valor histórico e turístico. Coto de San Sebastián: Desenvolver unha intervención arqueolóxica e establecer un plan de mantemento anual, incluíndo o desbroce periódico para garantir a súa conservación. Cruceiro de Calvos: Executar a reparación e restauración deste elemento patrimonial para asegurar a súa preservación e posta en valor.
Contratación pública e transparencia
Supresión de criterios subxectivos nas contratacións de obras de asfaltado, primando unicamente o criterio económico (oferta máis vantaxosa). Publicidade activa de todas as licitacións, tanto nas redes sociais oficiais como na aplicación móbil do Concello, para garantir unha maior participación e transparencia.
Vivenda
Compra de parcelas municipais destinadas a ceder á Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública. Compromiso de formalizar a adquisición destas parcelas nun prazo máximo de 10 meses. Ordenación do monte Impulsar figuras de reagrupación e xestión conxunta dos montes en colaboración con AGADER.
Promover activamente entre a veciñanza estas figuras para axilizar os procesos de concentración parcelaria en zonas onde aínda non existen, fomentando unha xestión forestal máis eficiente e sostible.
Publicidade
Defensa da saúde pública
O Concello de Touro emitirá un comunicado oficial sempre que non se respecten os servizos sanitarios que lle corresponden ao municipio. Ademais, levará a cabo as xestións oportunas diante dos organismos competentes para garantir o mantemento e correcto funcionamento dos recursos sanitarios que lle pertencen ao concello.
Saúde e Emerxencia
Manter aberta e dinamizada a biblioteca municipal, promovendo actividades culturais e de lectura. Garantir a apertura e bo funcionamento do ximnasio municipal, asegurando que sexa accesible, moderno e ben equipado. Organizar actividades extraescolares municipais a prezos asequibles, pensadas para facilitar a conciliación e o desenvolvemento educativo da mocidade. Consolidar o programa de concertos na rúa en primavera e verán (eliminado polo actual goberno), fomentando a cultura local e a participación cidadá. Recuperar o Ulla Fest (eliminado polo actual goberno) como festival de referencia para a mocidade, centrado na música urbana e electrónica, con apoio institucional e colaboración con artistas e colectivos locais.
Activación e reforzo da estrutura de Protección Civil, dotándoa de equipamento adecuado e concorrendo ás subvencións dispoñibles para mellorar os seus medios e capacidade operativa. Campaña de captación de novos voluntarios para fortalecer o servizo de emerxencias local. Converter Touro nun Concello cardioprotegido, ampliando a rede de desfibriladores e garantindo a súa correcta distribución e mantemento e formación da poboación.
Recuperación de escolas municipais
Restaurar as escolas que figuran no inventario municipal para destinalas a usos sociais, vivenda social ou outros proxectos de interese comunitario. No que resta de lexislatura, compromiso de executar un mínimo de 2 proxectos con fondos propios ou a través de subvencións. Plan Hurbe e humanización do Campo da Festa de Fonte Díaz e entorno. Solicitar a inclusión do concello no Plan Hurbe e presentar un proxecto de humanización e reconversión do Campo da Festa de Fonte Díaz e o seu contorno, co obxectivo de crear un espazo público habitable, verde e funcional para a veciñanza. Dotar o recinto do primeiro parque infantil cuberto do concello, garantindo o uso durante todo o ano. Instaurar unha praza pública con zonas de sombra, pensada para o encontro social e o descanso.
Recuperación e mantemento de iniciativas impulsadas polo concelleiro non adscrito Darío Rey:
Manter aberta e dinamizada a biblioteca municipal, promovendo actividades culturais e de lectura. Garantir a apertura e bo funcionamento do ximnasio municipal, asegurando que sexa accesible, moderno e ben equipado. Organizar actividades extraescolares municipais a prezos asequibles, pensadas para facilitar a conciliación e o desenvolvemento educativo da mocidade. Consolidar o programa de concertos na rúa en primavera e verán (eliminado polo actual goberno), fomentando a cultura local e a participación cidadá. Recuperar o Ulla Fest (eliminado polo actual goberno) como festival de referencia para a mocidade, centrado na música urbana e electrónica, con apoio institucional e colaboración con artistas e colectivos locais. Manter o programa de roteiros Touro Anda Manter o torneo solidario de Nadal de futsal. Manter o apoio á papanoelada moteira. Manter o apoio á concentración moteira. Exención do imposto de vehículos históricos.
Propoñer o estudo da eliminación do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para aqueles vehículos con máis de 25 anos de antigüidade. Vantaxes: Potenciar a celebración de eventos de vehículos históricos que poden atraer visitantes e dinamizar a economía local. Supón un incentivo para regularizar vehículos antigos en lugar de abandonalos ou darlles baixa definitiva. Taxa para usuarios non empadroados Implementar unha taxa específica para o uso do ximnasio municipal e da nova pista de pádel para aquelas persoas que non estean empadroadas no concello. Establecer diferentes modalidades de acceso: Abono anual con prezo reducido. Acceso por meses ou bonos temporais para usuarios esporádicos. No caso da pista de pádel, establecer unha tarifa por uso, con opción de reserva previa. O obxectivo é priorizar á veciñanza empadroada e, ao mesmo tempo, garantir o mantemento e sustentabilidade destas instalacións
Impulso ao sector agrario
Priorizar a creación dun centro de transformación de produtos agrarios no municipio para apoiar a actividade dos produtores locais e fomentar a economía rural. Solicitar unha reunión coa Rede de Desenvolvemento Rural da Deputación no prazo máximo de 4 meses para definir liñas de colaboración e apoio técnico. Buscar financiamento a través da Deputación ou mediante as convocatorias do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) para garantir a viabilidade económica do proxecto.
Proposta para a implementación dun servizo de transporte desde as parroquias a Touro Considerando a necesidade de facilitar a mobilidade dos veciños das parroquias cara ao centro urbano de Touro, proponse implementar un servizo de transporte que funcione cun mínimo de dúas frecuencias mensuais adicionais ás xa existentes os días de feira. Para o ano 2025, realizarase unha proba piloto dun mes de duración para valorar a viabilidade do servizo, a demanda e os custos asociados. Ademais, convocarase unha comisión integrada por representantes de todos os grupos políticos municipais para estudar as diferentes propostas, analizar os recursos dispoñibles e valorar os custos económicos do servizo, garantindo así unha decisión consensuada e transparente.
Proposta de reparación da piscina municipal
Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento e a seguridade das instalacións deportivas municipais, proponse acometer, antes do verán de 2026, as obras necesarias de reparación na piscina municipal. As actuacións prioritarias inclúen: Arranxo de fugas de auga detectadas no vaso e no sistema de tubaxes. Mellora e posta a punto das instalacións auxiliares (sala de máquinas, sistemas de filtrado e bombeo). Revisión e adecuación das zonas de uso público, garantindo a súa seguridade e accesibilidade. Unha vez solventada a problemática construirase un vaso infantil.
CAMPAÑA DE BENESTAR ANIMAL
Convenio para unha campaña de esterilización de cans e gatos a prezos asequibles Que o concello asine un convenio de colaboración con clínicas veterinarias ou con protectoras comarcais, co fin de ofrecer un servizo de esterilización de cans e gatos a prezos asumibles para a veciñanza. A través deste convenio, o concello comprométese a: Subvencionar parte do custo da esterilización e da posta dos chips, para que os propietarios poidan acceder ao servizo con tarifas reducidas. Crear unha campaña de información para promover a esterilización e a adopción responsable. Tamén é necesario garantir o servizo de recollida inmediata de animais abandonados, evitando que os cans pasen meses polas rúas sen atención como ocorre actualmente. Nun prazo de 10 meses.
CONDICIÓNS PARA A APROBACIÓN DA CONTA XERAL
Co obxectivo de garantir unha xestión responsable e orientada ás necesidades reais da veciñanza, o meu voto á conta xeral quedará condicionado ao compromiso formal do equipo de goberno de iniciar de inmediato a negociación dos orzamentos municipais para o ano 2026.
VÍAS PÚBLICAS
En canto ás vías, priorizaranse os núcleos de poboación e as comunicacións cos centros de traballo e servizos, garantindo un mantemento axeitado e melloras que favorezan a mobilidade e a seguridade da veciñanza. Exemplo de prioridades : a estrada de Grixó a Camporrapado que empregaban ducias de usuarios para ir a traballar e que polo seu estado está intransitable. A pista de Tribás cara a zona das piscinas, a cal usan veciños de Arinteiro, Tribás... Como principal vía de comunicación. A mellora da pista da Santaia a Andeade; por citar algunhas. Crearase unha brigada de intervención rápida de obras, destinada a realizar pequenos reasfaltados e reparacións de urxencia, evitando o deterioro das vías mentres non se acometen actuacións integrais, as cales moitas veces sofren atrasos por prazos administrativos ou falta de financiamento.
PASO POLO ENCORO DE CALVOS
En relación co paso polo encoro de Calvos, exgotaranse todas as vías administrativas e legais para conseguir o acceso e tránsito autorizado de vehículos, e cando menos de persoas, garantindo a seguridade e o dereito de paso aos núcleos afectados. Ademais, encargarase un informe xurídico exhaustivo, co prazo máximo de presentación de 8 meses, que avalíe as opcións legais dispoñibles para garantir este acceso e que sirva de base para futuras actuacións.
Fondos perdidos polo alcalde Roberto Castro
Solicitarase á Deputación Provincial a recuperación dos 750.000 € perdidos polo alcalde.
PRIORIDADE NA XUNTA DE GALICIA
Solicitarase á Xunta a conversión do actual centro PAI nunha escola infantil que permita unha matrícula superior a 20 nenos, atendendo así as necesidades reais da poboación infantil do municipio e facilitando a conciliación familiar. Solicitarase e xestionarase, con prazo antes do final da presente lexislatura, a creación dun centro de día municipal que inclúa servizo de transporte adaptado, co fin de garantir unha atención adecuada ás persoas maiores e con dependencia no municipio.
DEPORTE E INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS
Garantirase o mantemento continuo de todas as infraestruturas deportivas municipais, co fin de ofrecer unhas instalacións en óptimas condicións para a práctica deportiva. Ademais, acometerase de forma urxente a reparación do problema de humidades no pavillón municipal, para garantir a seguridade e confort dos usuarios.
ACORDO PARA A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS NAS PARROQUIAS A práctica regular de actividade física é fundamental para mellorar a saúde, previr enfermidades e favorecer o benestar xeral da poboación. Co obxectivo de achegar estas iniciativas a todas as veciñas e veciños, especialmente a aqueles que residen en parroquias con menor acceso a servizos deportivos, considérase necesario poñer en marcha un programa descentralizado de actividades de fortalecemento e mellora da saúde.
ACORDOS
1. Programar concertos e actividades culturais no verán, aproveitando os espazos naturais da Ribeira do Ulla, co obxectivo de atraer visitantes e dinamizar a economía local. 2. Habilitar e mellorar as áreas recreativas existentes, con actuacións de mantemento, mellora do mobiliario, zonas de sombra, puntos de auga e áreas de descanso para visitantes e familias.
3. Realizar un estudo técnico sobre a viabilidade da creación dun servizo de aluguer de kayaks, así como doutros deportes acuáticos, avaliando o impacto económico, medioambiental e a colaboración con empresas privadas.
4. Buscar financiamento e colaboracións con entidades públicas e privadas para garantir o éxito das actividades e minimizar o custo para as arcas municipais.
CAMIÑO DE SANTIAGO
Demándaraselle á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial do trazado galego da EuroVelo 3 como ruta de peregrinación válida do Camiño de Santiago, con todos os efectos administrativos, turísticos e relixiosos. Esta ruta europea, coñecida como a “Ruta dos Peregrinos”, conecta o norte de Europa con Santiago de Compostela a través dun itinerario cicloturista homologado, e o seu recoñecemento contribuiría a construír un modelo de peregrinación máis sostible, diverso e respectuoso co territorio.
Solicitarase unha reunión coa igrexa para firmar oficialmente o recoñecemento da igrexa á ruta dos peregrinos, validando o acordo conseguido polo concelleiro non adscrito para o recoñecemento oficial da igrexa que o actual goberno non tramitou.
Así mesmo, demandaráselle á Xunta de Galicia que habilite un albergue público especializado en peregrinos ciclistas, dotado das infraestruturas necesarias para este perfil de camiñante: aparcadoiro seguro para bicicletas, zona de reparación e limpeza, e espazos adaptados. Esta infraestrutura resulta imprescindible para atender adecuadamente o crecente número de persoas que realizan o Camiño en bicicleta, ao tempo que se potencia o cicloturismo como motor de desenvolvemento rural.








Comentarios