top of page

O día que se fixo noite sachando no millo en Barcia (Lalín): A eclipse do 17 de abril 1912

Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Presas


Antonio Presas/Lalín

O día que se fixo noite sachando no millo en Barcia (Lalín): A eclipse do 17 de abril 1912

O día 17 de abril de 1912, dous días despois do afundimento do impresionante "Titanic", tivo lugar unha gran eclipse de Sol que afectou a Galicia, especialmente á zona SL, na provincia de Ourense. Por exemplo, en localidades como Verín e o Barco de Valdeorras foi total, aínda que a escuridade profunda durase pouco tempo. No resto de Galicia tivo un grao menor de incidencia pero o seu impacto quedou marcado na "memoria colectiva" das nosas xentes, dos nosos paisanos, que sentían e vivían unha relación coa Natureza de total integración.


Na comarca de Deza foi, perfectamente, percibido pola poboación e puidose apreciar como a Lúa se interpoñía por diante do Sol, se escurecía o día e varios animais, como foi o caso dos cans, amosaban un estado de nerviosismo inusual.

-Eclipse solar no libro de Arthur N. Strahler.
-Eclipse solar no libro de Arthur N. Strahler.

A cuestión principal é que tivo lugar pola media mañá, xa que o eclipse empezou arredor das 11:30 horas e rematou ás 12:30 horas. Nese período de tempo produciuse un progresivo escurecemento ata chegar, case, a escuridade total e logo un progresivo resplandecemento, sen que o Sol saira polo Oeste (Nacente) e se puxera polo Oeste (Poñente).

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Foi unha interrupción do día inexplicable para as nosas xentes, que estaban a traballar nos campos, nos "agros", en plena actividade primaveral e iso é o que recordaban moitas persoas nacidas a finais do século XIX e comezos do XX. Eu tiven a sorte de escoitar dous relatos, un por boca de miña avoa e outro por un veciño de O Outeiro, parroquia de Barcia.


Miña avoa nacera no ano 1906, na aldea de Xar (Barcia) e tiña seis anos cando se produciu o fenómeno, do que foi testemuña directa, e o veciño de O Outeiro foi compañeiro de estudios en Maxisterio, o seu relato procede do que lle contaron os seus familiares antepasados.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Pois, ..... fusionando os dous relatos, isto é o que puiden recoller:

"Sendo eu rapaza, alá polo mes de maio, cando se estaba a sachar no millo, sucedeu algo que deixou asombrada á xente. Eu non me recordo ben de todo o que sucedeu, pero téñolle escoitado a historia a moitos veciños e na miña propia casa, en familia. Pola media mañá empezou a escurecerse o día de forma inexplicable, cada vez escurecía máis, ata que se fixo noite case total. A xente que estaba nos agros tirou as sachas, púxose de rodillas cara a igrexa e empezaron a rezar pensando que se ía a producir a fin do mundo.

Nunca se vira cousa semellante, pero pronto empezou a alumear de novo, pouco a pouco, o Sol. Os cans que estaban acompañando á xente notábanse nerviosos e co rabo baixado. As campás da igrexa empezaron a repicar para anunciar unha situación de perigo, da mesma forma que se facía cando había incendios no monte ou nalgunha casa, para que a xente acudira a apagalo. Na misa de domingo o cura dixo que o que pasara fora un aviso divino e que o poder de Deus era infinito. Era Deus quen podía facer esas cousas, para avisarnos de que tiñamos que ser bos cristiáns e cumprir os preceutos da santa madre igrexa."

Traxectoria seguida pola eclipse do ano 1912 (elaborada por Antonio Presas).
Traxectoria seguida pola eclipse do ano 1912 (elaborada por Antonio Presas).

Convén aclarar que nos dous relatos mencionase que o vecindario de Barcia andaba a sachar no millo e por iso afirmaron que fora no mes de maio, porque nas décadas dos anos 60-70, era en maio cando se sachaba. A comezos de século é moi probabale que ese traballo correspondería á sementeira do millo, que era un cultivo en fase de expansión e non se coñecían técnicas específicas, era tratado como se fora un cultivo de centeo e sementado a voleo.


E canto ao ano en que tivo lugar, miña avoa afirmou que daquela era unha nena e o outro informante afirmou que fora pola época da guerra (I Guerra Mundial), antes do ano 20.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Finalmente engadir que seguramente haxa máis persoas que se acorden de isto que sucedeu a comezos do século XX, non porque foran testemuñas, senon por terllo escoitado a persoas que o viviron en directo, tal como acaba de suceder onte (12-8-2026).


Antonio Presas, xeógrafo lalinense

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page