O Disiclín Racing acaba o Rali do Cocido dentro do Top 10
Ecos da Comarca/Deza
O Disiclín Racing termina o Rali do Cocido dentro do Top 10. "A 26 edición será lembrada por ser unha das máis competidas, senón a que máis, da historia da cita dezá", recalca o equipo. Víctor Senra impuxo un ritmo endiablado, seguido dun grupo encabezado por Paco Dourado que estiveron toda a xornada loitando ao segundo. Pola súa banda, Javier Ramos e Álex Moure saían ao Shakedown con cautela marcando incluso un sesto posto inesperado pola dificultade do deslizante tramo situado en Soutolongo.

Despois do TCC, a parella dezá elexía saír aos tramos do sábado en novena posición, (que casualmente coincidía co dorsal asignado pola organización). Xa o sábado, e tras un difícil primeiro bucle Ramos-Moure situábanse nun meritorio 8° posto. Para o segundo bucle a parella dezá continuaba co seu ritmo constante, mantendo comodamente a oitava posición ata chegar á segunda pasada por Saborida.
Picada en Saborida
Levando un bo ritmo en Saborida, e mellorando paulatinamente os parciais da especial, cando apenas faltaban catro quilómetros para chegar a meta, a roda dianteira dereita do Volkswagen Polo GTI R5 dixo basta. Pese á picada, o equipo decide continuar a baixa velocidade ata meta, cedendo ao redor de 40" e evitando así pararse a cambiar a roda (o que conlevaría unha perda duns 3 minutos). Pese ao contratempo, unicamente o equipo perde unha posición pasando a ser 9°.
A pesar de que os tramos seguían estando complicados, as seccións vespertinas xa estaban para correr máis, tendo especial coidado nas zonas sombrías e sucias. Tras o terceiro bucle o equipo mantiña o 9° posto, cun Sergio Vallejo que se achegaba, en parte por unha equitación de pneumáticos pouco favorable de Ramos-Moure. No último bucle, xa cunha equitación de pneumáticos máis acertada, o equipo logra manter o 9° posto e chegar así ao final do Rali do Cocido. "Estamos contentos de chegar ao final deste competido Rali de casa. Estaba difícil para todos e chegar a meta xa é unha gran alegría. Tivemos algún que outro problema, pero o resultado é máis que satisfactorio e sacamos conclusións positivas para a seguinte cita da CERA Recalvi, o Rallye de Narón", indica Javier Ramos.








Comentarios